lunes, 15 de diciembre de 2014

MÚSICA DE MALÍ PARA CELEBRAR OS DEREITOS

O venres pasado celebramos no cole os Dereitos do Neno e os Dereitos Humanos, ademais de participar na Carreira "Save the Children", que este ano destina os cartos recadados a Malí. Foi por este motivo que eliximos dous temas ben fermosos deste país africano. O primeiro deles, unha nana titulada "Makun" na que a cantante é acompañada por un instrumento tradicional de África Occidental: a KORA. Este instrumento constrúese a partir dunha cabaza cortada pola metade, que se cobre con coiro. As 21 cordas, coma na guitarra española, están suxeitas ao mastro. O seu son lembra ao da arpa, aínda que dependendo da maneira que se toque tamén pode ser semellante ao da guitarra flamenca. O músico emprega o dedo polgar e o índice ou furabolos para pulsar as cordas. Ao intérprete de kora tradicional chámaselle "jali", que significa "historiador oral".
No seguinte vídeo podedes ver e escoitar a un coñecido intérprete de kora: Toumani Diabaté, que é de Malí.


E no seguinte, a canción "Makun". Aínda que está nun idioma moi diferente ao noso (bambara), seguro que entendes algunha palabra. Escoita con atención:

domingo, 7 de diciembre de 2014

O APALPADOR

Aínda que na clase de música estamos escoitando a canción que lle adicou Paco Nogueiras a esta figura propia do Nadal galego, existen moitas outras!!! Entre elas, esta do grupo Malvela:



sábado, 22 de noviembre de 2014

SANTA CECILIA

Para celebrar o día da patroa dos músicos, aquí vai unha fermosa peza do grupo Fetén Fetén: Bolero para una tarde de septiembre, que nós podemos renomear Bolero para unha tarde de novembro!


viernes, 21 de noviembre de 2014

EN DANZA COA ORQUESTRA

Así se titula o próximo concerto ao que asistiremos o vindeiro xoves no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. O programa está composto por pezas de compositores moi importantes de diferentes períodos musicais. 
Escoitaremos a J. S. BACH, un músico alemán que representa o período BARROCO (séculos XVII-XVIII). A suite é unha das formas musicais que máis se asocian a esa época. Componse de varias partes; cada unha delas é un movemento e representa unha danza antiga. Algunhas delas soarán o próximo xoves:
-"Badinerie" da Suite nº 2 en si menor, de J. S. BACH (BWV 1067)
-"Gavotta" da Suite nº 3 en re maior, de J. S. BACH (BWV 1068)
Outro compositor que estará presente será M. RAVEL, músico francés da etapa coñecida como IMPRESIONISMO musical (s. XX). Coñecidísimo polo seu famoso "Bolero", a peza que a orquestra interpretará no próximo concerto é "Le tombeau de Couperin".
-"Forlane" de Le Tombeau de Couperin, de M. RAVEL
-"Rigaudon" de Le Tombeau de Couperin, de M. RAVEL
Tamén soará o compositor ruso do século XX I. STRAVINSKI, de quen interpretarán a "Tarantela" da Suite Pulcinella. Para escribir este ballet, Stravinski baseouse nunha obra de teatro do século XVIII.
O último compositor que soará no Auditorio é Manuel de FALLA, un dos músicos españois máis importantes da primeira metade do século XX (NACIONALISMO musical). Unha das obras máis coñecidas do compositor gaditano é El amor brujo, da cal escoitaremos:
-A "Danza do lume"
-A "Danza do terror"
Se a isto engadimos a danza, ademais das explicacións de músicos profesionais, o programa do vindeiro concerto promete moito!!!!!

A GUERRA DE TROIA

O pasado mércores viaxamos a Santiago de Compostela. O motivo? Asistir a un concerto didáctico sobre a guerra de Troia no Auditorio de Galicia, ademais de visitar o Museo de Historia Natural e unha exposición de pintura na praza de Cervantes. Os nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º pasárono xenial e aprenderon unha chea de cousas. Entre elas, a historia da batalla que tivo lugar no mar Exeo entre gregos e troianos. Queredes lembrala? Aquí tedes un vídeo-resume:


lunes, 27 de octubre de 2014

SAMAÍN



Este ano tamén queremos celebrar esta festa cantando!!! Para a ocasión, aprendemos a canción "A bruxa Maruxa", do disco María Fumaça. Elixímola tamén pensando en unir este personaxe co mundo cinematográfico, aínda que este será un proxecto a medio-longo prazo... Mentras, podemos escoitala e vela clicando na imaxe da bruxa, nunha composición realizada no CEIP Cruceiro.


miércoles, 10 de septiembre de 2014

ARRANCAMOS O CURSO!!!!

Hoxe iniciamos o curso cunha canción moi especial!!! Titúlase "Sonreír" e a súa compositora e intérprete é MAGDALENA FLEITAS, unha música arxentina que nos comunica a través desta canción a importancia de sorrir, porque:
SONREÍR NO CUESTA NADA,
Y SONREÍR LO PUEDE TODO
Y VERÁS QUE LINDO ES
VIVIR DE ESTE MODO.
Esperamos que esta mensaxe siga presente durante os vindeiros meses, tanto no cole coma no resto dos ámbitos nos que nos relacionamos. E para cando estedes máis tristeiros/as, aquí vos queda o enlace (no debuxo inferior) para atopar de novo o sorriso.


sábado, 17 de mayo de 2014

Os Maios

"A festa dos Maios" é unha celebración que se fai nalgunhas zonas de Galicia, sobre todo no sur, aínda que tamén se celebra nalgunhas poboacións do norte.
Festéxase a despedida do inverno, a floración das plantas e a aparición dos primeiros froitos; a data de celebración vai desde abril ata mediados de maio, aínda que pode prolongarse ata o mes de xuño.
Hai dous tipos de maios:
-os humanos, cando unha nena ou un neno se disfraza de maio, cubrindo as súas roupas con follas, pólas e flores;
-os figurativos, cando o maio é unha figura con forma cónica ou piramidal feita con paus que se recobre de xestas, hedras, fientos, musgo, fiúncho..., e adórnase con flores, laranxas e mesmo cascas de ovo. 
Era transportado por un neno que ía no seu interior, e cantaba unha estrofa ou dicía un refrán que repetían os demais compoñentes do grupo dando voltas arredor do "maio".
Hoxe en día, ademais da forma tradicional, intentan imitar casas, castelos, cruceiros, murallas, etc... 
Aínda que na nosa zona non é habitual celebralo, este curso animámonos a elaborar un Maio coa axuda de todos. E nada mellor que cantarlle para que a festa sexa completa!!! Nesta ocasión eliximos O Maio de As Nogais (Lugo). É este un Maio humano, co que pedían o aguinaldo cantando de casa en casa e acompañando a parte cantada con paus, pandeiros, pandeiras ou castañolas. Ao rematar de percorrer as casas, facían unha merenda con todo o recibido, habitualmente castañas, noces, chourizos, etc. O prato principal adoitaba ser castañas cocidas con touciño.


lunes, 12 de mayo de 2014

Letras Galegas 2014: Xosé María Díaz Castro

O autor homenaxeado este ano o 17 de maio foi o escritor guitiricense Xosé María Díaz Castro (1914-1990). O autor forma parte da chamada "escola mindoniense", xunto con escritores como Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Iglesias Alvariño... Ao longo da súa vida mantivo un forte compromiso co noso idioma e a nosa cultura. É autor dun único libro publicado no ano 1961, Nimbos, que está considerado como unha das obras mestras da poesía galega contemporánea.
E no título desa obra e nalgún dos seus poemas, así como na figura do poeta, inspirouse Paco Nogueiras para compoñer o seu último éxito musical: "Con Díaz Castro".

domingo, 30 de marzo de 2014

Imos de concerto: ULTREIA

O próximo venres, 4 de abril, voltamos ao Auditorio de Galicia. Nesta ocasión, para escoitar e ver o espectáculo de Ultreia "Manifestacións musicais lúdicas". ULTREIA é unha asociación-obradoiro de cultura tradicional que naceu no ano 1993 co interese de recuperar a música, os instrumentos, os traxes e as danzas tradicionais galegas. Nas súas actuacións fan un percorrido polo folclore galego a través de pezas instrumentais e cantadas, danzas, instrumentos (algúns deles hoxe practicamente extintos e/ou descoñecidos), vestimentas, etc.
Ata mediados do século pasado a principal diversión dos nenos/as de Galicia era a música e o baile. Moitos/as aprendían a facer sinxelos instrumentos musicais con follas, pipas de alcacén, pipas de castiñeiro, etc. Cando eran máis grandiños, aprendían a tocar algún instrumento (gaita de fol, acordeón, clarinete, pandeireta...) e a cantar. Os cantos acompañaban moitas veces as tarefas do campo (sachar, segar, mallar, esfollar, traballar o liño, etc.), e tamén as diferentes épocas do ano (o Nadal, o Entroido, a Pascua, os Maios, etc.) Outra función moi importante era acompañar os bailes que se facían nos días de cotío despois do traballo, cando se dispoñía dun gaiteiro ou doutro músico.
Aínda que instrumentos de corda coma o violín, a zanfoña e o rabel tamén se empregaban para acompañar os bailes, o máis frecuente é que estes foran tocados polos cegos, que ían de aldea e aldea contando historias inventadas ou feitos reais en forma de romances cantados, nunha época na que non había televisión, nin periódicos nin radio.

Na primeira parte do concerto, Ultreia amosaranos os instrumentos que nenos e nenas empregaban para divertirse naquela época, e mesmo farán demostracións sobre como se fabricaban e tocaban algúns deles.
Na segunda parte, centraranse nos instrumentos propios dos adultos, así como nos diferentes xeitos de bailar nas distintas provincias de Galicia, tanto os bailes soltos (muiñeira, xota, carballesa, maneo...) coma os agarrados (pasodobres, valses, mazurcas, rumbas, polcas...)

E para ir calmando as ganas de escoitalos en directo, aquí podedes ver un vídeo que recolle parte do seu traballo. A disfrutalo!!!



E a continuación podedes ver a clasificación dalgúns dos instrumentos que o próximo venres utilizarán no seu concerto. Coñecédelos todos?

miércoles, 12 de marzo de 2014

A casiña de chocolate

O próximo 14 de marzo imos de excursión!!! O destino: o Salón do Libro de Pontevedra, que este ano está adicado á gastronomía. E nesta edición -a XV-, asistiremos a un espectáculo moi atractivo: A Casiña de Chocolate, inspirado no conto Hansel e Gretel de OQO Editora. A parte musical está deseñada por Eduardo Narciso, membro da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, partindo da obra para orquestra que escribiu o músico alemán Engelbert Humperdinck no ano 1893.
No seguinte enlace podedes coñecer un pouco máis ao compositor:
A ORQUESTRA
É a encargada de interpretar a composición de Humperdinck. Lembrade cómo está colocada no escenario e a qué familia pertence cada grupo de instrumentos:
E aquí podedes escoitar a Abertura da súa composición máis coñecida. A abertura é unha peza de música instrumental que serve de introdución a unha ópera. Deixádevos levar pola música, tratade de identificar cada un dos instrumentos que soan e pensade nos sentimentos que vos transmite...


viernes, 14 de febrero de 2014

O estraperlo

O "estraperlo" refírese ao comercio ilegal de artigos aos que o Estado lles engade algún imposto. Tamén se coñece co nome de "mercado negro", ou clandestino. 
Pois este tipo de mercado inspirou ao grupo Fuxan os Ventos para compoñer unha canción así titulada e coa que festexamos na clase de Música a chegada do Entroido. 


domingo, 9 de febrero de 2014

BERROGÜETTO

Berrogüetto é un dos grupos de música dos que os galegos podemos estar ben orgullosos. Despois de 18 anos de carreira, a semana pasada anunciaron a súa disolución, e dende este blogue queremos agradecerlles tantos agasallos de boa música, tanto a través dos seus 5 discos coma dos seus directos. E esa música seguirá soando nas nosas clases, porque facedes moita falta. Sodes IMPRESCINDIBLES!!!


viernes, 31 de enero de 2014

Oy comamos y bebamos

Oy comamos y bebamos é unha obra polifónica a catro voces composta por Juan del Enzina. Este poeta, músico e autor teatral salmantino vivíu na época dos Reis Católicos (século XV), e pertence á época musical do RENACEMENTO. Por este motivo atoparedes palabras que agora se escriben doutra maneira!!! A peza foi composta, probablemente, para ser cantada a noite de "Antruejo", a última noite de Entroido. Segue a estrutura dun villancico, alternándose retrouso e estrofas:

Oy comamos y bebamos
y cantemos y holguemos,
que mañana ayunaremos.
Que costumbres de concejo
que todos oy nos hartemos,
que mañana ayunaremos.

Por onrra de Sant Antruejo
parémonos oy bien anchos,
enbutamos estos panchos,
rrecalquemos el pellejo.

Honrremos a tan buen santo,
porque en hambre nos acorra;
comamos a calca porra,
que mañana ay gran quebranto.
Comamos, bebamos tanto,
hasta que nos rrebentemos,
que mañana ayunaremos.

Beve, Bras; más tú, Beneyto,
Beva Pidruelo y Llorente;
Beve tú primeramente,
quitarnos has deste preito.
En beber bien me deleyto;
daca, daca, beberemos,
que mañana ayunaremos.

Tomemos oy gasajado,
que mañana viene la muerte;
bebamos, comamos huerte;
vámonos para el ganado.
No perderemos bocado,
que comiendo nos iremos,
que mañana ayunaremos.

E así soa na interpretación dun dos grupos máis recoñecidos no noso país especializados en música renacentista: Hesperion XX, dirixido por Jordi Savall:


Un brindis!!!

A ópera é un drama musical que combina todas as artes: música, poesía, drama, pintura, escenografía, danza, mímica,... Este xénero musical naceu en Florencia (Italia) a finais do século XVI, pero desenvolveuse por moitos outros países desde entón. 
Seguro que sabes moitos títulos de óperas... Sóache A Traviata? Foi composta por Giuseppe VERDI, e está baseada na novela A dama das camelias de Alejandro Dumas. 
Tendo en conta que estamos investigando sobre a gastronomía, eliximos este coñecidísimo "Brindis" da citada ópera para achegarnos ao mundo operístico: 


viernes, 24 de enero de 2014

Quérote máis!!!

Aquí vos deixo o vídeo da canción de O Sonoro Maxín que formará parte da nosa banda sonora o próximo 30 de xaneiro: Quérote máis. Así tamén podedes practicar a coreografía (espero que aínda non se vos olvidara!!!)