jueves, 18 de junio de 2020

"MÚSICA CONFINADA VI": A NOSA EXPERIENCIA e AGRADECEMENTO DE SUSI

Bos días, familias!!!
Aquí está o resumo do último capítulo da "Música confinada", a proposta que vos fixen desde a aula de música para facer máis levadío este inusual trimestre. Antes de que o vexades gustaríame dicirvos unhas palabras de agradecemento tamén desde este blog. Cando botei a andar esta iniciativa, era algo teimuda, xa que eran moitas as preguntas que me facía: gustaralles?, participarán?, serei quen de montar un vídeo que recolla as aportacións de todas?, servirá para algo?, etc. Pois agora que rematou, facendo unha valoración de toda esta actividade, quero dicirvos que estou moi agradecida pola vosa resposta. Fostes un exemplo de compromiso e responsabilidade que as nenas e nenos non esquecerán. Seguramente houbo familias que non puideron participar, outras tal vez non quixeron, pero as que o fixestes conseguistes os obxectivos principais: pasar un rato nas nosas casas facendo algo divertido, apreciar na nosa vida cotiá os aspectos culturais e artísticos, esforzarnos por facelo o mellor posible e superar a vergoña que nos puidera producir... E VERNOS!!!! Emocioneime cada vez que recibía as vosas achegas, como se viñerades visitarme á miña casa traendo como agasallo algo tan íntimo e persoal como todas as cousiñas que fomos vendo nos vídeos... 
Son moitos os motivos polos que non esqueceremos esta situación provocada pola covid-19; algúns negativos, pero tamén os hai positivos, e eses son os que teñen que pesar máis na balanza. Oxalá que a música confinada sexa un deles!!!

E agora, a desfrutar deste vídeo!!!

jueves, 11 de junio de 2020

"MÚSICA CONFINADA V": A NOSA EXPERIENCIA

Aquí está o resultado da quinta proposta de “Música confinada”, para o cal eliximos un coñecido tema de Wolfgang Amadeus MOZART que acompañastes con percusión corporal, con instrumentos que tiñades nas vosas casas e tamén dirixindo batutas improvisadas ou movementos corporais. Fixéstelo todas de marabilla e estabades concentradísimas na vosa tarefa… Ademais, é tamén unha mostra de que a situación vai cambiando, xa que comezades a xuntarvos para facer cousiñas en grupo. Que ganas temos de vernos, eh?

Aquí vai o vídeo. Desfrutádeo moito, artistas!!! 

lunes, 8 de junio de 2020

MÚSICA CONFINADA 6

Bos días e feliz semana!!!
Xa estamos en xuño, e aínda que quedan dúas semanas de curso, a de hoxe será a última proposta nesta sección especial de "Música Confinada". Nesta ocasión pensei que podía ser interesante reflexionar sobre un tema do que se falou moito durante estes meses de confinamento: o descenso de contaminación acústica. A contaminación acústica é o ruído excesivo e molesto que provocan diferentes actividades humanas (tráfico, industrias, determinados locais, etc.)  Sei que no noso entorno é un problema ocasional, pero nas cidades, pobos e vilas grandes pode chegar a ser tan habitual e continuo que os expertos nestes temas asóciano a serios problemas de saúde... 
Pero eu non quero falar de ruído, senón todo o contrario!!!! Propóñovos elixir un son co que vos identifiquedes, tanto que vos gustaría que calquera persoa se lembrara de vós nada máis escoitalo. Un son que desconfinariades rapidamente!!!! Pode ser da natureza ou non, xa que depende do voso gusto, do que vos recorde ou vos faga sentir ese son... 

Algunhas ideas pode darchas esta listaxe:
-Natureza (elementos, animais...);
-instrumentos feitos polas persoas (musicais ou non; pode haber alguén a quen lle encante o son que  se produce ao abrir unha porta, pasar as follas dun libro, etc.);
-cancións ou algunha música determinada;
-voces concretas;
-etc.

Unha vez decidades con cal vos quedades, gravade un vídeo curtiño (30 segundos) contando por que o elixistes, e tamén podedes incluír o son (gravado ou imitándoo). Despois, enviádeo coma nas anteriores ocasións, para facer a última montaxe desta proposta musical. Tedes ata o domingo, 14 de xuño. Ánimo!!!! Xa veredes que ben queda....

miércoles, 3 de junio de 2020

"MÚSICA CONFINADA IV": A NOSA EXPERIENCIA

Aquí vos presento o resumo da cuarta entrega de “Música Confinada”, aínda que cada vez vaise abrindo un pouco máis, algo que nos alegra moito a todas as persoas do cole!!! Como había bastantes participantes, e a verdade é que o baile da canción amosa que tedes grandes cualidades para danzar, decidimos facer dúas montaxes. Calquera delas está estupendísima e a verdade é que a vosa participación fai que todo isto se leve moito mellor. Agradecémosvos de novo o esforzo que facedes para que o curso continúe, aínda que sexa desta maneira tan diferente.
Aquí vai o primeiro vídeo:


E aquí podedes ver o segundo, onde ademais xa se observa que o confinamento non é tan estrito.
En hora boa a esas mamás que se sumaron na coreografía, estupendísimas!!!!

lunes, 1 de junio de 2020

MÚSICA CONFINADA 5

Bos días!!!!
Comeza o mes de xuño cunha nova proposta de "Música Confinada". Nesta ocasión trátase dunha peza instrumental moi coñecida do xenial compositor Wolfgang Amadeus MOZART: a "Marcha Turca". A idea é acompañala cuns ritmos sinxelos no instrumento que vós elixades: o corpo, unha mesa, un bote, etc. Cando vos saian, poñedes a música de fondo e gravades un anaquiño para enviar como nas anteriores Músicas Confinadas...
Sei que haberá persoas que teñan algunha dificultade para realizalo, así que tamén podedes acompañar a música de dúas maneiras máis: 
-levando o pulso;
-transformándovos en directores e directoras de orquestra que movan os seus brazos deixándose levar pola música.
En calquera caso, desfrutade desta peza que estou segura todas coñecedes, e atendede aos matices de forte e piano (suave), para calquera dos acompañamentos que elixades. 

Aquí podedes escoitar a música:



Neste vídeo tedes a proposta de acompañamento con percursión corporal, e a lenda co significado de cada cousa:




Neste outro aparecen instrumentos diferentes. Xa sei que non todas as persoas os temos nas nosas casas, pero podedes cambialos por outros que vos guste como soan. Iso si, recoméndovos usar sempre o mesmo para comezar; unha vez o teñades dominado, podedes combinar un ritmo na mesa, outro sobre un bote, outro coas mans, etc. Probade de cantas maneiras queirades; o importante é FACER MÚSICA!!!


AGARDO AS VOSAS ACHEGAS!!!!

miércoles, 27 de mayo de 2020

"MÚSICA CONFINADA III": A NOSA EXPERIENCIA


Aquí temos a nova entrega de “Música Confinada III”!!! O primeiro que quero é agradecer a todas as persoas que participastes na actividade, polo voso esforzo para levala á práctica e por achegar o seu resultado para facer esta montaxe audiovisual. Se non fora polas vosas aportacións isto non tería sentido ningún, e o mes de maio sería menos colorido e esperanzador do que foi grazas ás vosas ilustracións, aos vosos sorrisos, aos vosos recitados, ás vosas danzas, aos vosos cantos…
Tamén queremos dar as grazas ao profe Óscar, por enviarnos esta versión que preparou nestes días de confinamento. Que rápido recoñecestes a súa voz; EN HORA BOA tamén por superar ese reto!!!!

Espero que vos guste e que non esquezades esta fermosa poesía-canción:

lunes, 25 de mayo de 2020

MÚSICA CONFINADA 4

Bos días e boa semana!!!! Mentras rematamos de montar o vídeo coa experiencia da semana pasada, preséntovos aquí o cuarto capítulo de "Música Confinada". Para despedir o mes de maio invítovos a aprender unha danza cunha canción moi bonita: "Peto, peto", interpretada e arranxada por Xabier Sesto Camino, Xosé Lois Seixo Fernández e Xaquín Facal García. Podedes escoitala en Radio Picariña e tamén en "Radio Rosiña", onde ademais podedes descargala:



Unha vez a teñades ben aprendida, invítovos a engadirlle estes pasos moi sinxelos, para que vos animedes todas as nenas e nenos do cole e todas as persoas que queirades convidar. Os pasos do vídeo son unha proposta, pero tamén podedes inventar outros vós!!!! Aquí vai:


Cando o teñades, enviade un vídeo e faremos unha montaxe coas vosas achegas!!!
Aperta enorme, danzantes!!!


miércoles, 20 de mayo de 2020

"MÚSICA CONFINADA II": A NOSA EXPERIENCIA

Xa están aquí os vídeos nos que as nenas e nenos do cole amosades os vosos cantagalos. É interesante escoitar o diferentes que soan uns e outros... Esperamos que o pasarades moi ben facéndoos e que sirva tamén a actividade para recoñecer unha árbore típica galega como é o loureiro...

Aquí podedes ver e escoitar as achegas de Infantil e 1º e 2º de Primaria:


E no seguinte vídeo están as achegas que fixestes de 3º a 6º de Primaria:






domingo, 17 de mayo de 2020

MÚSICA CONFINADA 3

Bos días, artistas!!!
Como estades? Mentras rematamos de recompilar todos os vídeos cos vosos marabillosos cantagalos, lánzovos aquí a proposta para esta semana. Atención!!!
Xa que estamos no mes de maio, onte celebramos o "Día das Letras Galegas", aínda que nesta ocasión fixémolo dunha maneira moi diferente. No cole sempre uniamos esta celebración á dos Maios, que tanto nos gustan aínda que non son moi coñecidos no noso concello. Sen embargo, é fermoso celebrar a chegada da primavera, e nesta ocasión traigo un agasallo musical para vós, xa que se trata dunha coñecida canción que me gustaría animarvos a aprender: "Aí vén o maio". E ademais, rétovos a adiviñar quen nos canta ese tema tan fermoso. Seguro que acertades!!! 
Cando a escoitedes, podedes deixarvos levar pola súa letra, a luz da primavera, os cambios que se produciron na paisaxe durante estes meses, e podedes facer unha ilustración, ou un collage. Tamén podedes animarvos a cantala e gravarvos!!! O resto xa sabedes: enviar o resultado para facer unha montaxe e compartila con todas vós!!! Tedes de prazo ata o domingo, 24 de maio. A partir dese día, desvelarei o nome do artista que nos agasalla con esta gravación...


Unha aperta enorme!!!!  


DÍA DAS LETRAS GALEGAS: "A FALA"

Aquí vos deixo un vídeo moi fermoso no que a cantante galega Uxía, con Tanxugueiras e Faia, cantan o poema de Manuel María "A fala". Nel, ademais, colaboraron moitas persoas relacionadas coa cultura galega, algunhas das cales tal vez recoñezas: Xurxo Souto, Leandro Lamas...

 

viernes, 15 de mayo de 2020

"MÚSICA CONFINADA I": A NOSA EXPERIENCIA

Pois por fin podemos ver os vídeos que enviastes as familias que vos animastes a participar na actividade "Música confinada I". Estamos contentísimas de ver as vosas achegas, fannos sentir que estamos máis preto, que seguimos compartindo moitos momentos a pesar do confinamento... E isto dános forza a todas as persoas para continuar con ánimo nesta fascinante aventura que é parte da vida: a educación. Viva a música!!!! E vivan as e os músicos do cole de Antes!!!!!

Aquí tedes o vídeo coa canción proposta para Infantil e 1º e 2º de Primaria, "Pajaritos en mi ventana":



E esta é a montaxe coa proposta para as nenas e nenos de 3º a 6º de Primaria, "Soco, bate, vira":


Que ben o tivestes que pasar!!!! 
NORABOA A TODAS!!!! E MIL GRAZAS POR PARTICIPAR!!!

lunes, 11 de mayo de 2020

MÚSICA CONFINADA 2

Ola de novo!!!! A primeira proposta de "música confinada" tivo moi bo resultado, así que pensei que vos gustaría animarvos con unha nova para esta semana... Nesta ocasión invítovos a construír un instrumento musical, pero necesitaredes a axuda dunha persoa maior, así que tendo en conta a situación na que nos atopamos, estou segura de que algunha mamá, algún papá ou os avoíños e avoíñas (se tedes a sorte de telos na casa ou pretiño) ou mesmo algún irmán ou algunha irmá maior se prestarán para botarvos unha man.
Xa que estamos nunha estación tan bonita como é a primavera, e que este curso está adicado ás aves, podemos construír un cantagalos!!!! Sabedes o que é? Trátase dun instrumento moi antigo que construían os nenos e nenas en Galicia, moi sinxeliño de facer, xa que só necesitades unha folla e un anaco de póla de loureiro. Unha vez o teñades, pedides axuda a unha persoa maior para que lle faga un corte lonxitudinal, no cal colocaredes a folla, á que lle cortaredes os extremos e axustaredes no tamaño da fenda. O instrumento métese entre nos beizos de xeito que, ao soprar, o aire sae pola fenda e pon en movemento a folla alí aloxada. Emite un son moi característico, semellante ao canto dun galo. Nalgunhas zonas de Galicia chámanlles estraloques.

O loureiro é unha árbore moi común en Galicia.
Para que entendades mellor como construílo podedes ver este vídeo, onde o explican paso a paso desde o "Proxecto Ronsel", que é un proxecto para defender o Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia:


Como na anterior ocasión, se vos apetece amosar o voso resultado, enviádenos un vídeo curtiño (arredor de 20 segundos) onde o toquedes para facer unha montaxe con todos os vosos cantagalos. Sería estupendo!!!!

Un brazo enorme, musicANTES!!!

lunes, 4 de mayo de 2020

MÚSICA CONFINADA 1

Comezou o mes de maio, e tendo en conta que xa levamos bastante tempo confinadas nas nosas casas, pensei que sería unha boa idea propoñervos unha actividade para realizar ao longo da semana. Se podedes, ademais, estaría ben que puiderades enviar un pequeniño vídeo onde se vexa o resultado, e con eles podo facer unha pequena montaxe onde vos vexades todas as persoas que participedes. Parécevos ben? 
Imos comezar con percusión, que sei que vos gusta moito e que vos enganchará rapidamente. Para as nenas e nenos de Infantil e 1º e 2º de Primaria pensei en "Pajaritos en mi ventana", xa que estou segura de que vistes moitos durante estes días. Trátase dunha canción do marabilloso grupo arxentino "Agua de Sol" que acompañan cun pequeno xogo corporal. Practicádeo e, cando o consideredes aceptable, enviádeo nesta entrada do blog. Podedes facelo ata o domingo, 10 de maio, xa que o luns sairá adiante outra proposta. Aquí vai a primeira:



E para as nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, "Soco, Bate, Vira":


Animádevos a practicar e a enviar as vosas experiencias!!!

Unha aperta enorme,
                                       Susi.

miércoles, 29 de abril de 2020

DÍA MUNDIAL DA DANZA

Premede aquí para bailar con Pesdelán.
Bailamos un pouquiño?
Hoxe celébrase o "Día Mundial da Danza", e no cole sempre preparamos algunha para facer festa, pero nesta ocasión non pode ser debido á situación de confinamento na que nos atopamos. Sen embargo, non por iso non imos deixar de bailar e de adicar tempo á música, verdade? Por este motivo, quería convidarvos á proposta que nos fan desde o "Salón do Libro de Pontevedra". Tamén alí se viron afectados polo coronavirus, tendo que cancelar moitas das súas actividades. Outras, en cambio, mudaron de formato. A de hoxe está dentro deste segundo grupo, así que se queredes participar nela adiante!!! Trátase dun concerto do grupo de música PESDELÁN, e premendo sobre a imaxe podedes acceder á canle do "Salón do Libro". E a bailar todo o mundo!!!!


sábado, 21 de marzo de 2020

MÚSICA PARA O CORONAVIRUS

Aquí vos deixo algúns enlaces con algunhas das cancións que se compuxeron para a enfermidade que durante estes últimos meses ocupa todos os nosos noticieiros: o coronavirus.
A primeira é a composición do cantautor de Uruguay Jorge Drexler, que escribiu o tema "Codo con codo" para estes momentos non que non podemos bicarnos e abrazarnos como nos gustaría:


E tamén vos deixo o rap que crearon na Asociación de Pediatras de Atención Primaria de Andalucía: o "Rap de la tos y el codo":