lunes, 21 de octubre de 2013

Escoitamos as baleas

Que ben o pasamos e canto aprendemos no concerto didáctico ofrecido no Auditorio de Galicia polo Taller de Arte Contemporáneo!
Entre outras cousas, faláronnos das imitacións que se poden realizar a través da interpretación musical. E como exemplo, unha breve composición do gran MOZART cando era neno, escrita para tocar cun só dedo, e na que trata de representar un sinxelo feito da vida cotiá: untar unha torrada de pan con manteiga!
Despois centráronse nas imitacións da natureza, destacando neste apartado a representación dos animais: os paxaros (na frauta) ou a vaca (no cello). Mesmo saíu a profe Susi a practicar o son dunha vaca! Recordáronnos tamén que Camille Saint-Saëns, no Carnaval dos animais, imitou diferentes animais a través da orquestra cunha boa dose de humor.
E despois, antes de interpretar a obra do programa (Vox Ballaenae, de George Crumb), faláronnos dos sons destes enormes habitantes do mar, e escoitámolos. Se queres investigar máis sobre eles, pincha aquí.
A continuación xa gozamos dunha obra moi interesante por varias razóns. Por un lado, polo tipo de música ao que pertence (contemporánea); por outro, pola maneira de executar sons moi diferentes nos tres instrumentos que a interpretaron (o frautista cantaba á vez que tocaba o seu instrumento; o pianista, ademais das teclas, facía soar as cordas do piano de xeitos moi diferentes; o cellista conseguía facer sons que podían recordar a outras cousas ademaís do cello; etc.) E ademais, os tres músicos estaban cos ollos tapados durante a actuación. Sabedes por que? Porque para o compositor o importante non eran os músicos, senón a música. E neste caso, a música das baleas! E para iso, é importante que coidemos moito o lugar no que viven: o mar!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario