viernes, 13 de diciembre de 2013

O Apalpador

Coñecido tamén como Apalpabarrigas ou Pandigueiro (dependendo da zona), este personaxe baixa a noite do 24 ou do 31 de decembro (dependendo da zona), para visitar aos meniños que durmen nas súas casas. O Apalpador tócalles a barriga para ver se están ben mantidos, e déixalles unha presa de castañas... 
Hai moitas coplas que fan referencia á figura deste personaxe galego, como as que seguen:
Vaite logo meu nenín,
marcha agora pra a camiña,
que vai vir o Apalpador
apalparche a barriguiña.

Mañá é día de cachela
que haberá gran nevarada
e vai vir o Apalpador
cunha mega de castañas.

E tamén hai algunhas cancións, como a que compuxo o ano pasado Paco Nogueiras, e que vos deixamos aquí para que a cantedes moito:

martes, 26 de noviembre de 2013

A cociña na música

Pois si que da de si esto da gastronomía!!! A cociña é un lugar fantástico para crear unha auténtica orquestra!!! Hai tantos utensilios, e todos tan diferentes, que os sons e ritmos que dela poden saír son totalmente sorprendentes. Atrevédesvos a practicar?
O grupo "Stomp" gravou este vídeo hai xa varios anos:


O seguinte titúlase "Beat Soufflé", e está realizado por un rapaz que, coa súa cámara, foi gravando por partes as diferentes percusións, ata quedar así:


A mesma idea recóllea tamén este, titulado "Música desde la cocina":


Tamén temos un exemplo de orquestra con alimentos, neste caso, vexetais!!! Chámanse "The Vegetable Orchestra": 



Por último, unha pequena curta de animación na que tamén son os protagonistas os utensilios da cociña:

viernes, 22 de noviembre de 2013

Música e alimentos

Mirade que atopei en Internet! É un vídeo no que aparecen moitas comidas ao tempo que escoitamos unha das pezas que forman parte de Xogos de nenos, composición de George BIZET. Esta obra traballámola hai tempo nas clases de música, a través da expresión corporal. A continuación poderás ver un vídeo no que escoitarás a parte final ("O galope") na súa versión orquestral (a orixinaria é para piano a catro mans), ao tempo que ves imaxes de alimentos fresquísimos; coñécelos todos?

Día de Santa Cecilia

Hoxe, 22 de novembro, é o Día de Santa Cecilia, patroa dos músicos. Esta santa de Roma foi representada ao longo da historia tocando diferentes instrumentos musicais, e algúns dos compositores máis coñecidos tamén se inspiraron na súa figura para compoñer diferentes obras. É o caso de Georg Friedrich HÄNDEL, un dos músicos máis destacados do Barroco musical, quen compuxo esta Oda para o Día de Santa Cecilia no ano 1736. Trátase dunha CANTATA cuxa obertura soa así: 



lunes, 18 de noviembre de 2013

Con esa cara de pescado

En búsqueda de cancións "gastronómicas" atopei esta simpática canción de Pescetti. E vós, tedes cara de peixe?


jueves, 14 de noviembre de 2013

Cancións para o MAGOSTO

Estas son algunhas das cancións que escoitamos e traballamos na clase de música para celebrar unha das festas que máis nos gustan do outono: o MAGOSTO!!! 
O seguinte vídeo está editado por PAI-Música, e nel podes escoitar a canción "Arao", do disco Pelo Gato 24 da Asociación de Gaiteiros Galegos: 


Este outro é o "Rap do Magosto", tema composto por Paco Nogueiras:


miércoles, 6 de noviembre de 2013

Doce pianistas para un só piano

Mirade que vídeo máis divertido!!! Imaxinades como poden tocar doce pianistas un piano? Pois prestade moita atención!

sábado, 26 de octubre de 2013

O Samaín

Para celebrar un ano máis esta terrorífica festa eliximos unha canción de Jesús Pareja, interpretada no seguinte vídeo por Andrea Picos Rodiles. Ademais de aprender a letra creada polo citado compositor, nas clases de música algunhas alumnas animáronse a engadir versos que estiveran relacionados coa temática sobre a que xira este ano o noso proxecto documental: a gastronomía. O mércores escoitaremos as súas creacións!!! Ata entón, aprendemos todos este Samaín nun vídeo que nos gusta moito: 


viernes, 25 de octubre de 2013

O concerto

Para pasar un rato divertido, nestes días de insistente chuvia, aquí podedes ver un entretido vídeo dunha canción de LEO MASLIAH, no que describe o momento dun concerto:


lunes, 21 de octubre de 2013

Escoitamos as baleas

Que ben o pasamos e canto aprendemos no concerto didáctico ofrecido no Auditorio de Galicia polo Taller de Arte Contemporáneo!
Entre outras cousas, faláronnos das imitacións que se poden realizar a través da interpretación musical. E como exemplo, unha breve composición do gran MOZART cando era neno, escrita para tocar cun só dedo, e na que trata de representar un sinxelo feito da vida cotiá: untar unha torrada de pan con manteiga!
Despois centráronse nas imitacións da natureza, destacando neste apartado a representación dos animais: os paxaros (na frauta) ou a vaca (no cello). Mesmo saíu a profe Susi a practicar o son dunha vaca! Recordáronnos tamén que Camille Saint-Saëns, no Carnaval dos animais, imitou diferentes animais a través da orquestra cunha boa dose de humor.
E despois, antes de interpretar a obra do programa (Vox Ballaenae, de George Crumb), faláronnos dos sons destes enormes habitantes do mar, e escoitámolos. Se queres investigar máis sobre eles, pincha aquí.
A continuación xa gozamos dunha obra moi interesante por varias razóns. Por un lado, polo tipo de música ao que pertence (contemporánea); por outro, pola maneira de executar sons moi diferentes nos tres instrumentos que a interpretaron (o frautista cantaba á vez que tocaba o seu instrumento; o pianista, ademais das teclas, facía soar as cordas do piano de xeitos moi diferentes; o cellista conseguía facer sons que podían recordar a outras cousas ademaís do cello; etc.) E ademais, os tres músicos estaban cos ollos tapados durante a actuación. Sabedes por que? Porque para o compositor o importante non eran os músicos, senón a música. E neste caso, a música das baleas! E para iso, é importante que coidemos moito o lugar no que viven: o mar!!!

lunes, 14 de octubre de 2013

Concerto do Taller Atlántico Contemporáneo

O vindeiro 18 de outubro, o 2º e o 3º ciclo de Primaria viaxaremos ata Compostela para asistir a un concerto no Auditorio de Galicia. Baixo o nome de A voz das baleas, o grupo Taller Atlántico Contemporáneo interpretará a obra co mesmo título do compositor estadounidense GEORGE CRUMB. Este músico contemporáneo destaca por explorar timbres pouco comúns nos diferentes instrumentos musicais. En ocasións, incluso pide aos músicos que se desplacen polo escenario ao mesmo tempo que interpretan as obras musicais, ou que se coloquen de xeitos diferentes aos que adoitamos a ver. Incluso escribiu partituras empregando unha linguaxe diferente á que coñecemos nós.
O grupo que veremos e escoitaremos en Santiago interpretará unha peza composta para frauta, cello e piano. Queredes escoitala un pouquiño? Pois poñédevos enriba da balea e... deixade voar a vosa imaxinación!

E si queredes coñecer un pouco máis ao grupo de músicos que forman o Taller Atlántico Contemporáneo, premede enriba das súas iniciais: TAC.

viernes, 21 de junio de 2013

De vacacións!

Ao mellor chega algo tarde, pero para todos os que poidades escoitalo, aquí vos queda a última composición do noso amigo Paco Nogueiras para dar a benvida ao verán, ás vacacións... Desfrutádeo moito!!!!!

miércoles, 19 de junio de 2013

miércoles, 5 de junio de 2013

BAILANDO CON MÚSICA DE PANJABI

En 4º seguimos con música hindú... Nesta ocasión, a do músico británico-hindú Panjabi MC, que fusiona ritmos "panjabíes" (lingua falada no norte da India) con rap.

lunes, 3 de junio de 2013

O TWIST

O twist é un baile que se fixo moi popular nos Estados Unidos na década de 1960. Está basado no rock and roll e denominouse así porque a canción que orixinou este novo estilo titulábase The Twist, de Chubby Checker.
En Infantil estamos aprendendo a bailalo, e para iso eliximos o un tema do músico que popularizou este baile: Let's twist again. Aquí vos queda o vídeo para practicalo moito:


viernes, 24 de mayo de 2013

DÍA DE ÁFRICA


O 25 de maio de 1963 instaurouse, en Etiopía, a Organización da Unidade Africana (O.U.A.) O seu obxectivo era eliminar o colonialismo e promover a unión e a solidaridade entre os diferentes países, así como a cooperación internacional. Dende o ano 2002 recibe o nome de Unión Africana, e dela forman parte 54 estados africanos (Marrocos é o único que non forma parte da mesma).
E para coñecer un pouco máis este continente tan fascinante, que ademais durante este curso está moi presente nas actividades do noso cole (Proxecto de 5º, Clube de Lectura, Visitas de africanos, etc.), aquí vos deixamos un vídeo moi interesante:


jueves, 16 de mayo de 2013

MALÍ

Especialmente para os meniños de 5º, que están traballando a cultura africana: atopei este vídeo moi interesante sobre o poder da música na crise de Malí. A ver qué vos parece!

miércoles, 15 de mayo de 2013

A COSTUREIRA

Unha homenaxe para todas as mulleres que se adican ao traballo das teas en todo o mundo. Moitas delas en pésimas condicións, como ocorre na India, onde nos últimos días soubemos de noticias tan tristes como o derrubamento dunha fábrica téxtil en Bangladesh.
Dende a clase de Música imos aprender esta canción de Fuxan os Ventos (preme sobre a imaxe):
A COSTUREIRA

lunes, 13 de mayo de 2013

DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Este ano o Día das Letras Galegas está adicado a ROBERTO VIDAL BOLAÑO, un dos promotores do teatro profesional en Galicia, xénero co que estivo intimamente ligado: formou parte do Grupo Abrente; participou na fundación doutros; escribiu obras de teatro para rapaces e para adultos; dirixiu outras; actuou en obras de teatro e tamén en cine e televisión; etc.

E para homenaxear a todos os escritores e escritoras en lingua galega, chega aquí o novo éxito do noso amigo PACO NOGUEIRAS! E é que en galego podemos facer todo: ler, escoitar, escribir, falar, sentir, querer, perdoar, brincar...


sábado, 11 de mayo de 2013

A REGUEIFA

A regueifa é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que manteñen unha disputa sobre un tema determinado.

A orixe deste canto popular atopámola na regueifa, que era un molete de pan co que antigamente se agasallaba aos convidados nas vodas. A diversión consistía en "cantar a regueifa" entre os convidados da parroquia e os que viñan de fóra. Comezaban estes últimos, que botaban unha copla (cuarteta) meténdose cos da parroquia, un dos cales lle respondía. Iniciábase así unha discusión que podía durar varias horas. Gañaba o que cantaba a última copla, que ademais era o encargado de repartir a regueifa.



Os temas das regueifas son variados, pero ao incluír humor e retranca, fai que sexan cantos moi divertidos para os oíntes.

Entre os recuperadores e divulgadores deste xénero tan antigo están PINTO D'HERBÓN e LUÍS CARUNCHO, que o próximo mércores día 15 escoitaremos en vivo e en directo no noso colexio, con motivo da Celebración do Día das Letras Galegas. Para que vos vaiades facendo unha idea do concerto, podedes ver aquí un vídeo cos seus protagonistas:


Tamén podedes velos e escoitalos nunha actuación nun Instituto premendo AQUÍ
Como moitos de vós sinalastes durante estes días nas clases de música a súa similitude co rap, aquí tedes un vídeo no que podedes informarvos sobre a súa relación coas regueifas
Agora xa podedes animarvos vós a crear as vosas propias coplas!!!

viernes, 19 de abril de 2013

DÍA DO LIBRO

Nun libro poden suceder tantas cousas... O día 23 de abril queremos celebralo no cole cunha festa especial, e para iso non pode faltar unha canción. Para esta ocasión eliximos a composición de Paco Nogueiras, que nos gusta moito!!! (O video agóchase na imaxe)


Que pasa? Que ocorre? Que pasa? Que é?
Na miña estantería algo se move, o que? (BIS)

Abre as mans poderás ver un novo mundo aparecer
o momento de voar só con comezar a ler.
Que sinxelo pode ser! Un momento nada máis,
un tesouro de papel con historias sen parar.
Nun libro, nun libro, nun libro, nun libro.

Personaxes de ficción que din cousas sen parar,
ver lugares onde nunca vas a estar,
podes subir ata o ceo, navegar en calquer mar,
mirar as letras que veñen, mirar as letras que van.
Nun libro, nun libro, nun libro, nun libro.

Unha nova folla é un paso máis,
segue o camiño, chega ata o final.
Detrás de cada verba algo atoparás,
se non ten sentido, volta a empezar! (BIS)

Ler a mensaxe de amor entre un verme e un leirón,
ver algún peixe que voa e paxaros que xa non,
un poema que o sol á lúa agasallou,
xogar co arco da vella e quedar coma un señor.
Nun libro, nun libro, nun libro, nun libro.

Ser forte coma un dragón e lixeiro como o ar,
ata pode ser que un león domar,
un misterio resolver, un feitizo enfeitizar,
verás un mundo pra rir e cando queiras pechar.
Nun libro, nun libro, nun libro, nun libro.



martes, 9 de abril de 2013

O CREBANOCES DE TCHAIKOVSKY

Eliximos esta peza tan coñecida do compositor ruso Piotr Tchaikovsky porque na segunda parte da mesma (Danzas características) inclúe varias danzas que nos levan a imaxinar os bailes tradicionais de diferentes países... Aínda que é un conto no que a temática xira en torno ao Nadal, deixámosvos aquí un vídeo para que lembredes esta historia tan coñecida. A música seguro que vos soa, porque é a que estamos traballando nas clases de música. Gozádeo!

E, para os que queiran investigar máis sobre Tchaikovsky, aquí tedes un Lim moi interesante:


jueves, 4 de abril de 2013

VISÍTANOS VADIM YUKHNEVICH!!!

Mañá vén ao cole Vadim Yukhnevich, un marabilloso acordeonista bielorruso! Antes de chegar ao noso país, recorreu varios lugares de Europa (Alemaña, Francia...) tocando na rúa con outros instrumentistas. Ademais de impartir clases de acordeón, forma parte de numerosos proxectos relacionados coa escena: participa tocando en directo en diversas obras de teatro (Berrobambán, Mago Teto...); realiza gravacións e espectáculos didácticos (Boas Noites, O camaleón musical...); forma parte de varios grupos musicais (Stranniki, Xúa, Kibitka, Banda Crebinsky...)
Vadim leva máis de 10 anos vivindo en Galicia, así que xa coñece moi ben a nosa cultura, pero nós queremos saber da súa: como é a vida cotiá en Bielorrusia, que similitudes e diferenzas ten coa nosa... E, sobre todo, queremos saber qué cantan, qué bailan,... E escoitar o acordeón de Vadim!!!




lunes, 4 de marzo de 2013

MIRIAM MAKEBA

Esta cantante africana (Johannesburgo, Sudáfrica) cumpliría hoxe 81 anos. Ademais de adicarse á música, foi unha incansable defensora da igualdade entre todas as persoas, independientemente da súa raza, e liderou a campaña contra o "apartheid" do seu país. 
Coñecida como "Mamá África", o seu maior éxito foi a canción "Pata, pata" (1967). 
Aquí tedes tamén un vídeo onde coñeceredes máis sobre a súa vida e onde poderedes escoitar un dos temas máis fermosos que existen: "Malaika":


domingo, 24 de febrero de 2013

DÍA DE ROSALÍA

Un ano máis, o 24 de febreiro celébrase o "Día de Rosalía de Castro". Este ano, ademais, coincide co 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a primeira obra publicada integramente na nosa lingua.

Os Musicantes de Mazaricos tamén queremos festexar esta data, e para iso eliximos dous poemas de Rosalía: o primeiro é unha versión do músico de jazz Abe Rábade da coñecida "Negra sombra".


O segundo, un poema moi musical de Rosalía que traballaremos na clase de Música:


jueves, 21 de febrero de 2013

O CÍMBALO

O címbalo é un instrumento de corda, que se toca cun par de mazas nas dúas mans, golpeando as cordas para facelas soar. 
Escoitamos este instrumento na introdución da canción rusa Pesienka pro kuznetchika (composta por Shainski). Orixinario de Asia, este instrumento posiblemente foi introducido polos cíngaros a través da "Ruta da Seda". Existen diversos tamaños e variadas formas, pero o que escoitamos nós é de procedencia bielorrusa. Apóiase en tres pés, ten 72 cordas e 4 octavas. 
Tócase golpeando as cordas ou pulsándoas, e en BIELORRUSIA emprégase tanto no jazz como na música clásica, contemporánea ou tradicional.
Tamén é moi utilizado na música de países coma Hungría, Rumanía, Ucrania..., e na música persa iraní, onde se coñece co nome de "santur".


miércoles, 30 de enero de 2013

A SAIA DA CAROLINA

O músico Alfonso Morán (contrabaixista da Real Filarmonía de Galicia) realizou un arranxo ben fermoso para este coñecido tema galego. Posiblemente sexa a banda sonora do noso Entroido 2013, así que ide afinando esas voces. A letra estará lista a próxima semana, cos "mandadiños" do Meco.

sábado, 26 de enero de 2013

VIAXAMOS A XAPÓN

O próximo luns 28 visítanos HARUNA TAKEBE, unha pianista natural dunha pequena illa do Xapón. Con motivo deste acontecemento, os nenos e nenas de 3º (que andamos a investigar moito sobre o continente asiático) aprendemos unha canción en xaponés para darlle a benvida. A letra é así:

OKINA KURI NO
KINO SHITA DE.

ANATA TO WATASHI.
NAKAYOKU ASOBIMASHOU.

E tamén escoitamos unha preciosa nana: EDO NO KOMORIUTA. Esta nana remóntase á época de Edo (entre os anos 1600 e 1868). Naquel tempo, contratábase unha moza de familia pobre para que se ocupara dos nenos. A letra da canción fala da viaxe que fai esa rapaciña para ver á súa propia familia, e os agasallos que lle trae á volta (un tambor e unha frauta).
O instrumento que acompaña esta versión é o KOTO, unha cítara de 13 cordas, de son comparable á arpa. O koto inspirou a moitos músicos dende o século VII. Para tocalo úsanse 3 "uñas" (tsume) feitas de bambú ou marfil que se colocan nos dedos polgar, índice e maior.


jueves, 17 de enero de 2013

HISTORIA DA MÚSICA

Aquí tedes un video que recolle algúns dos momentos máis importantes da Historia da Música.

lunes, 14 de enero de 2013

APERTAS QUE VOAN

Aquí tedes unha canción de Paco Nogueiras Nodar, un músico galego que compuxo este tema pensando na celebración do próximo 30 de xaneiro: o día da PAZ. A ver se a cantamos ben forte para que todos/as se enteren de que as cousas que nos diferencian non deberían ser impedimento para facer amigos e para quererse. Entre todos conseguiremos que as nosas apertas cheguen aos cinco continentes!!! Que voen!!!