sábado, 26 de octubre de 2013

O Samaín

Para celebrar un ano máis esta terrorífica festa eliximos unha canción de Jesús Pareja, interpretada no seguinte vídeo por Andrea Picos Rodiles. Ademais de aprender a letra creada polo citado compositor, nas clases de música algunhas alumnas animáronse a engadir versos que estiveran relacionados coa temática sobre a que xira este ano o noso proxecto documental: a gastronomía. O mércores escoitaremos as súas creacións!!! Ata entón, aprendemos todos este Samaín nun vídeo que nos gusta moito: 


viernes, 25 de octubre de 2013

O concerto

Para pasar un rato divertido, nestes días de insistente chuvia, aquí podedes ver un entretido vídeo dunha canción de LEO MASLIAH, no que describe o momento dun concerto:


lunes, 21 de octubre de 2013

Escoitamos as baleas

Que ben o pasamos e canto aprendemos no concerto didáctico ofrecido no Auditorio de Galicia polo Taller de Arte Contemporáneo!
Entre outras cousas, faláronnos das imitacións que se poden realizar a través da interpretación musical. E como exemplo, unha breve composición do gran MOZART cando era neno, escrita para tocar cun só dedo, e na que trata de representar un sinxelo feito da vida cotiá: untar unha torrada de pan con manteiga!
Despois centráronse nas imitacións da natureza, destacando neste apartado a representación dos animais: os paxaros (na frauta) ou a vaca (no cello). Mesmo saíu a profe Susi a practicar o son dunha vaca! Recordáronnos tamén que Camille Saint-Saëns, no Carnaval dos animais, imitou diferentes animais a través da orquestra cunha boa dose de humor.
E despois, antes de interpretar a obra do programa (Vox Ballaenae, de George Crumb), faláronnos dos sons destes enormes habitantes do mar, e escoitámolos. Se queres investigar máis sobre eles, pincha aquí.
A continuación xa gozamos dunha obra moi interesante por varias razóns. Por un lado, polo tipo de música ao que pertence (contemporánea); por outro, pola maneira de executar sons moi diferentes nos tres instrumentos que a interpretaron (o frautista cantaba á vez que tocaba o seu instrumento; o pianista, ademais das teclas, facía soar as cordas do piano de xeitos moi diferentes; o cellista conseguía facer sons que podían recordar a outras cousas ademaís do cello; etc.) E ademais, os tres músicos estaban cos ollos tapados durante a actuación. Sabedes por que? Porque para o compositor o importante non eran os músicos, senón a música. E neste caso, a música das baleas! E para iso, é importante que coidemos moito o lugar no que viven: o mar!!!

lunes, 14 de octubre de 2013

Concerto do Taller Atlántico Contemporáneo

O vindeiro 18 de outubro, o 2º e o 3º ciclo de Primaria viaxaremos ata Compostela para asistir a un concerto no Auditorio de Galicia. Baixo o nome de A voz das baleas, o grupo Taller Atlántico Contemporáneo interpretará a obra co mesmo título do compositor estadounidense GEORGE CRUMB. Este músico contemporáneo destaca por explorar timbres pouco comúns nos diferentes instrumentos musicais. En ocasións, incluso pide aos músicos que se desplacen polo escenario ao mesmo tempo que interpretan as obras musicais, ou que se coloquen de xeitos diferentes aos que adoitamos a ver. Incluso escribiu partituras empregando unha linguaxe diferente á que coñecemos nós.
O grupo que veremos e escoitaremos en Santiago interpretará unha peza composta para frauta, cello e piano. Queredes escoitala un pouquiño? Pois poñédevos enriba da balea e... deixade voar a vosa imaxinación!

E si queredes coñecer un pouco máis ao grupo de músicos que forman o Taller Atlántico Contemporáneo, premede enriba das súas iniciais: TAC.