sábado, 17 de mayo de 2014

Os Maios

"A festa dos Maios" é unha celebración que se fai nalgunhas zonas de Galicia, sobre todo no sur, aínda que tamén se celebra nalgunhas poboacións do norte.
Festéxase a despedida do inverno, a floración das plantas e a aparición dos primeiros froitos; a data de celebración vai desde abril ata mediados de maio, aínda que pode prolongarse ata o mes de xuño.
Hai dous tipos de maios:
-os humanos, cando unha nena ou un neno se disfraza de maio, cubrindo as súas roupas con follas, pólas e flores;
-os figurativos, cando o maio é unha figura con forma cónica ou piramidal feita con paus que se recobre de xestas, hedras, fientos, musgo, fiúncho..., e adórnase con flores, laranxas e mesmo cascas de ovo. 
Era transportado por un neno que ía no seu interior, e cantaba unha estrofa ou dicía un refrán que repetían os demais compoñentes do grupo dando voltas arredor do "maio".
Hoxe en día, ademais da forma tradicional, intentan imitar casas, castelos, cruceiros, murallas, etc... 
Aínda que na nosa zona non é habitual celebralo, este curso animámonos a elaborar un Maio coa axuda de todos. E nada mellor que cantarlle para que a festa sexa completa!!! Nesta ocasión eliximos O Maio de As Nogais (Lugo). É este un Maio humano, co que pedían o aguinaldo cantando de casa en casa e acompañando a parte cantada con paus, pandeiros, pandeiras ou castañolas. Ao rematar de percorrer as casas, facían unha merenda con todo o recibido, habitualmente castañas, noces, chourizos, etc. O prato principal adoitaba ser castañas cocidas con touciño.


lunes, 12 de mayo de 2014

Letras Galegas 2014: Xosé María Díaz Castro

O autor homenaxeado este ano o 17 de maio foi o escritor guitiricense Xosé María Díaz Castro (1914-1990). O autor forma parte da chamada "escola mindoniense", xunto con escritores como Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Iglesias Alvariño... Ao longo da súa vida mantivo un forte compromiso co noso idioma e a nosa cultura. É autor dun único libro publicado no ano 1961, Nimbos, que está considerado como unha das obras mestras da poesía galega contemporánea.
E no título desa obra e nalgún dos seus poemas, así como na figura do poeta, inspirouse Paco Nogueiras para compoñer o seu último éxito musical: "Con Díaz Castro".