Mostrando entradas con la etiqueta Natureza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Natureza. Mostrar todas las entradas

jueves, 18 de junio de 2020

"MÚSICA CONFINADA VI": A NOSA EXPERIENCIA e AGRADECEMENTO DE SUSI

Bos días, familias!!!
Aquí está o resumo do último capítulo da "Música confinada", a proposta que vos fixen desde a aula de música para facer máis levadío este inusual trimestre. Antes de que o vexades gustaríame dicirvos unhas palabras de agradecemento tamén desde este blog. Cando botei a andar esta iniciativa, era algo teimuda, xa que eran moitas as preguntas que me facía: gustaralles?, participarán?, serei quen de montar un vídeo que recolla as aportacións de todas?, servirá para algo?, etc. Pois agora que rematou, facendo unha valoración de toda esta actividade, quero dicirvos que estou moi agradecida pola vosa resposta. Fostes un exemplo de compromiso e responsabilidade que as nenas e nenos non esquecerán. Seguramente houbo familias que non puideron participar, outras tal vez non quixeron, pero as que o fixestes conseguistes os obxectivos principais: pasar un rato nas nosas casas facendo algo divertido, apreciar na nosa vida cotiá os aspectos culturais e artísticos, esforzarnos por facelo o mellor posible e superar a vergoña que nos puidera producir... E VERNOS!!!! Emocioneime cada vez que recibía as vosas achegas, como se viñerades visitarme á miña casa traendo como agasallo algo tan íntimo e persoal como todas as cousiñas que fomos vendo nos vídeos... 
Son moitos os motivos polos que non esqueceremos esta situación provocada pola covid-19; algúns negativos, pero tamén os hai positivos, e eses son os que teñen que pesar máis na balanza. Oxalá que a música confinada sexa un deles!!!

E agora, a desfrutar deste vídeo!!!

lunes, 8 de junio de 2020

MÚSICA CONFINADA 6

Bos días e feliz semana!!!
Xa estamos en xuño, e aínda que quedan dúas semanas de curso, a de hoxe será a última proposta nesta sección especial de "Música Confinada". Nesta ocasión pensei que podía ser interesante reflexionar sobre un tema do que se falou moito durante estes meses de confinamento: o descenso de contaminación acústica. A contaminación acústica é o ruído excesivo e molesto que provocan diferentes actividades humanas (tráfico, industrias, determinados locais, etc.)  Sei que no noso entorno é un problema ocasional, pero nas cidades, pobos e vilas grandes pode chegar a ser tan habitual e continuo que os expertos nestes temas asóciano a serios problemas de saúde... 
Pero eu non quero falar de ruído, senón todo o contrario!!!! Propóñovos elixir un son co que vos identifiquedes, tanto que vos gustaría que calquera persoa se lembrara de vós nada máis escoitalo. Un son que desconfinariades rapidamente!!!! Pode ser da natureza ou non, xa que depende do voso gusto, do que vos recorde ou vos faga sentir ese son... 

Algunhas ideas pode darchas esta listaxe:
-Natureza (elementos, animais...);
-instrumentos feitos polas persoas (musicais ou non; pode haber alguén a quen lle encante o son que  se produce ao abrir unha porta, pasar as follas dun libro, etc.);
-cancións ou algunha música determinada;
-voces concretas;
-etc.

Unha vez decidades con cal vos quedades, gravade un vídeo curtiño (30 segundos) contando por que o elixistes, e tamén podedes incluír o son (gravado ou imitándoo). Despois, enviádeo coma nas anteriores ocasións, para facer a última montaxe desta proposta musical. Tedes ata o domingo, 14 de xuño. Ánimo!!!! Xa veredes que ben queda....

lunes, 25 de mayo de 2020

MÚSICA CONFINADA 4

Bos días e boa semana!!!! Mentras rematamos de montar o vídeo coa experiencia da semana pasada, preséntovos aquí o cuarto capítulo de "Música Confinada". Para despedir o mes de maio invítovos a aprender unha danza cunha canción moi bonita: "Peto, peto", interpretada e arranxada por Xabier Sesto Camino, Xosé Lois Seixo Fernández e Xaquín Facal García. Podedes escoitala en Radio Picariña e tamén en "Radio Rosiña", onde ademais podedes descargala:



Unha vez a teñades ben aprendida, invítovos a engadirlle estes pasos moi sinxelos, para que vos animedes todas as nenas e nenos do cole e todas as persoas que queirades convidar. Os pasos do vídeo son unha proposta, pero tamén podedes inventar outros vós!!!! Aquí vai:


Cando o teñades, enviade un vídeo e faremos unha montaxe coas vosas achegas!!!
Aperta enorme, danzantes!!!


miércoles, 20 de mayo de 2020

"MÚSICA CONFINADA II": A NOSA EXPERIENCIA

Xa están aquí os vídeos nos que as nenas e nenos do cole amosades os vosos cantagalos. É interesante escoitar o diferentes que soan uns e outros... Esperamos que o pasarades moi ben facéndoos e que sirva tamén a actividade para recoñecer unha árbore típica galega como é o loureiro...

Aquí podedes ver e escoitar as achegas de Infantil e 1º e 2º de Primaria:


E no seguinte vídeo están as achegas que fixestes de 3º a 6º de Primaria:






lunes, 11 de mayo de 2020

MÚSICA CONFINADA 2

Ola de novo!!!! A primeira proposta de "música confinada" tivo moi bo resultado, así que pensei que vos gustaría animarvos con unha nova para esta semana... Nesta ocasión invítovos a construír un instrumento musical, pero necesitaredes a axuda dunha persoa maior, así que tendo en conta a situación na que nos atopamos, estou segura de que algunha mamá, algún papá ou os avoíños e avoíñas (se tedes a sorte de telos na casa ou pretiño) ou mesmo algún irmán ou algunha irmá maior se prestarán para botarvos unha man.
Xa que estamos nunha estación tan bonita como é a primavera, e que este curso está adicado ás aves, podemos construír un cantagalos!!!! Sabedes o que é? Trátase dun instrumento moi antigo que construían os nenos e nenas en Galicia, moi sinxeliño de facer, xa que só necesitades unha folla e un anaco de póla de loureiro. Unha vez o teñades, pedides axuda a unha persoa maior para que lle faga un corte lonxitudinal, no cal colocaredes a folla, á que lle cortaredes os extremos e axustaredes no tamaño da fenda. O instrumento métese entre nos beizos de xeito que, ao soprar, o aire sae pola fenda e pon en movemento a folla alí aloxada. Emite un son moi característico, semellante ao canto dun galo. Nalgunhas zonas de Galicia chámanlles estraloques.

O loureiro é unha árbore moi común en Galicia.
Para que entendades mellor como construílo podedes ver este vídeo, onde o explican paso a paso desde o "Proxecto Ronsel", que é un proxecto para defender o Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia:


Como na anterior ocasión, se vos apetece amosar o voso resultado, enviádenos un vídeo curtiño (arredor de 20 segundos) onde o toquedes para facer unha montaxe con todos os vosos cantagalos. Sería estupendo!!!!

Un brazo enorme, musicANTES!!!

lunes, 21 de octubre de 2013

Escoitamos as baleas

Que ben o pasamos e canto aprendemos no concerto didáctico ofrecido no Auditorio de Galicia polo Taller de Arte Contemporáneo!
Entre outras cousas, faláronnos das imitacións que se poden realizar a través da interpretación musical. E como exemplo, unha breve composición do gran MOZART cando era neno, escrita para tocar cun só dedo, e na que trata de representar un sinxelo feito da vida cotiá: untar unha torrada de pan con manteiga!
Despois centráronse nas imitacións da natureza, destacando neste apartado a representación dos animais: os paxaros (na frauta) ou a vaca (no cello). Mesmo saíu a profe Susi a practicar o son dunha vaca! Recordáronnos tamén que Camille Saint-Saëns, no Carnaval dos animais, imitou diferentes animais a través da orquestra cunha boa dose de humor.
E despois, antes de interpretar a obra do programa (Vox Ballaenae, de George Crumb), faláronnos dos sons destes enormes habitantes do mar, e escoitámolos. Se queres investigar máis sobre eles, pincha aquí.
A continuación xa gozamos dunha obra moi interesante por varias razóns. Por un lado, polo tipo de música ao que pertence (contemporánea); por outro, pola maneira de executar sons moi diferentes nos tres instrumentos que a interpretaron (o frautista cantaba á vez que tocaba o seu instrumento; o pianista, ademais das teclas, facía soar as cordas do piano de xeitos moi diferentes; o cellista conseguía facer sons que podían recordar a outras cousas ademaís do cello; etc.) E ademais, os tres músicos estaban cos ollos tapados durante a actuación. Sabedes por que? Porque para o compositor o importante non eran os músicos, senón a música. E neste caso, a música das baleas! E para iso, é importante que coidemos moito o lugar no que viven: o mar!!!

lunes, 14 de octubre de 2013

Concerto do Taller Atlántico Contemporáneo

O vindeiro 18 de outubro, o 2º e o 3º ciclo de Primaria viaxaremos ata Compostela para asistir a un concerto no Auditorio de Galicia. Baixo o nome de A voz das baleas, o grupo Taller Atlántico Contemporáneo interpretará a obra co mesmo título do compositor estadounidense GEORGE CRUMB. Este músico contemporáneo destaca por explorar timbres pouco comúns nos diferentes instrumentos musicais. En ocasións, incluso pide aos músicos que se desplacen polo escenario ao mesmo tempo que interpretan as obras musicais, ou que se coloquen de xeitos diferentes aos que adoitamos a ver. Incluso escribiu partituras empregando unha linguaxe diferente á que coñecemos nós.
O grupo que veremos e escoitaremos en Santiago interpretará unha peza composta para frauta, cello e piano. Queredes escoitala un pouquiño? Pois poñédevos enriba da balea e... deixade voar a vosa imaxinación!

E si queredes coñecer un pouco máis ao grupo de músicos que forman o Taller Atlántico Contemporáneo, premede enriba das súas iniciais: TAC.

jueves, 12 de abril de 2012

Un paxariño moi interesante

As aves emiten o seu canto, entre outras cousas, para atopar parella. Un dos cantos máis espectaculares tal vez sexa o desta ave australiana chamada AVE LIRA. Coñecédela? Escoitade a cantidade de cousas que é capaz de facer este curioso paxariño!!!

lunes, 2 de abril de 2012

Poesía, Música e Natureza

A inspiración tróuxoa a tristura desta fin de semana...

sábado, 31 de marzo de 2012

Maestro

Maestro, de Géza M. Tóth, é unha curtametraxe húngara realizada no ano 2005. Trátase dun vídeo ben bonito e orixinal tamén moi relacionado coa campaña dos bosques que estamos desenvolvendo durante este curso desde a Biblioteca do cole. Pero non quero dar  máis pistas... Disfrutádeo!!!

sábado, 24 de marzo de 2012

Día Mundial da Árbore

Con motivo da celebración do Día Mundial da Árbore, o pasado mércores viaxamos ata Eirón (no concello de Mazaricos) para plantar castiñeiros, e así de guapos saíron no xornal ao día seguinte as nenas e nenos de 2º coa súa mestra.

Ao día seguinte, na clase de Música vimos un vídeo sobre a REFORESTACIÓN, elaborado polos alumnos do Máster de Produción e Xestión Audiovisual, que chegou a nós a través de Voz Natura.