O próximo luns, 14 de febreiro, visita o noso cole Paco Nogueiras, e premendo aquí podedes ver un dos vídeos que gravou para o seu disco "Radio Bule Bule".
Hoxe celébrase o "Día Mundial da Danza", e no cole sempre preparamos algunha para facer festa, pero nesta ocasión non pode ser debido á situación de confinamento na que nos atopamos. Sen embargo, non por iso non imos deixar de bailar e de adicar tempo á música, verdade? Por este motivo, quería convidarvos á proposta que nos fan desde o "Salón do Libro de Pontevedra". Tamén alí se viron afectados polo coronavirus, tendo que cancelar moitas das súas actividades. Outras, en cambio, mudaron de formato. A de hoxe está dentro deste segundo grupo, así que se queredes participar nela adiante!!! Trátase dun concerto do grupo de música PESDELÁN, e premendo sobre a imaxe podedes acceder á canle do "Salón do Libro". E a bailar todo o mundo!!!!
O próximo 5 de abril viaxaremos ata A Coruña para asistir a un concerto no Palacio da Ópera. Nel poderemos escoitar música africana, ao mesmo tempo que veremos algúns dos instrumentos tradicionais máis característicos deste continente e desfrutaremos da unión de música, danza e teatro. Por iso quero deixarvos aquí algunhas imaxes e vídeos que poden axudarvos a gozar do espectáculo doutra maneira. Estades preparadas para viaxar? Pois imos alá!!!!
En África hai unha variedade enorme de instrumentos musicais. Algúns deles poderemos velos en directo, pero mentras tanto, preme sobre a imaxe para desfrutar dun vídeo sobre cada instrumento:
Este instrumento membranófono é un tambor en forma de copa moi popular en Senegal, Guinea Conakry e Burkina Faso. Construído con madeira e pel, que se tensa empregando cordas. Tócase coas mans. Ao golpear o centro, produce sons máis graves, e ao golpear nos bordos, sons máis agudos. É un instrumento moi empregado para acompañar a danza.
Este instrumento de percusión é un pequeno cesto de mimbre ou palla, con forma de campá, que pode ter varios tamaños. A abertura péchase cun anaco de cabaza, e no seu interior métense sementes, pedras, bóliñas de madeira... O seu son é parecido ao dunha maraca. Tamén se usa moito en Brasil (aínda que este país non se atopa en África), onde se inclúe xunto ao berimbao para os toques de capoeira.
Tamén chamado sansa ou mbira, este instrumento de percusión consiste nunha pequena caixa de madeira cunha ponte clavada, na que se suxeitan láminas de ferro que, ao pulsar cos dedos, producen un fermoso son. Moi extendido en Tanzania e Zimbawe, utilízase moito para acompañar o canto pero tamén a narración oral (contos, fábulas, etc.)
O vindeiro venres imos de excursión a Santiago de Compostela, para asistir ao primeiro concerto didáctico deste curso: "O Crebanoces", do compositor ruso Piotr Ílich CHAIKOVSKI (1840-1893).
Chaikovski compuxo esta obra por encargo dun teatro de San Petersburgo, quen lle solicitou escribir un ballet máxico, adaptado do conto de E.T.A. Hoffmann"O crebanoces e o rei dos ratos". Aínda que ao principio non lle atraía moito a idea de semellante composición, finalmente entregouna concluída en abril de 1892, arredor dun ano despois de que lle fora encargada. Antes de rematala, xa que o ballet ten unha duración bastante longa, extraeu oito números do mesmo para facer unha suite orquestral, que estrenou el mesmo.
Esta obra, a pesar do tempo transcurrido e das cambiantes modas, segue seducindo irresistiblemente a calquera audiencia. E seguro que a todas as persoas que viaxemos este venres ao Auditorio de Galicia tamén!!!
Representación no Teatro Mariinski en 1892
DANZA DA FADA DO AZUCRE:
DANZA DOS MIRLITÓNS:
DANZA RUSA:
DANZA CHINA:
VALS DAS FLORES:
Nesta obra, ademais, non podemos esquecer a presencia dunha sonoridade moi fermosa creada por un instrumento que ata ese momento pasaba practicamente desapercibido na Orquestra Sinfónica: a celesta.
Trátase dun instrumento de percusión cunha apariencia similar á do piano vertical, e que cando Chaikovski o emprega acababa de ser creado en París. O seu mecanismo é similar ao do piano, pero no piano cada vez que tocamos unha tecla activamos uns martelos que golpean unha corda, mentras que na celesta os martelos golpean láminas metálicas colocadas sobre os resoadores de madeira.
Celesta
Interior dunha celesta
Pero nada mellor que escoitala para desfrutar do seu son:
O próximo mércores imos de excursión a Santiago de Compostela. Nesta ocasión, asistiremos ao concerto que nos ofrecerá o grupo ODAIKO, unha formación composta por 4 percusionistas multidisciplinares, que actualmente son: Juan Collazo, Antonio Ocampo, Félix Rodríguez e Francisco Troncoso.O seu novo espectáculo, que leva por título "Invención", foi presentado a través dun vídeo que aumenta as nosas ganas de velos:
Ademais de desfrutar da súa música, ODAIKO quere que coñezamos algunhas cousas sobre música moi interesantes. Imos aló!!!
"Invención" percorre distintos momentos históricos, repasando algúns dos grandes
inventos da humanidade. Comeza no S.XVIII e vai avanzando ata chegar á
actualidade, facendo mención a Johann Sebastian
BACH, o compositor que para os musicólogos facía o rock da época;
fai tamén referencia a outras invencións froito de procesos como a
Industralización ou a introdución do plástico na sociedade e outras máis relacionadas coa música, como a orixe da creación da
batería ou doutros instrumentos musicais que comezaron como froito da
casualidade e da experimentación do día a día.
BACH compuxo unha cantidade enorme de obras. Unha das formas nas que destacou foi a FUGA, na que se van superpoñendo ideas musicais. Escoitade unha das máis coñecidas, que compuxo para órgano: a "Tocata e fuga en re menor BWV 565".
Esta é unha fuga instrumental, pero tamén as hai vocais. Aquí podedes escoitar unha que versiona unha coñecida canción infantil:
Odaiko tamén quere que coñezamos a orixe da BATERÍA. Naceu en Nova Orleáns, cando as bandas de dixieland pasaron das rúas aos clubs, incorporando un conxunto de instrumentos de percusión (bombo, caixa, pratos...) que tocaban varias persoas (cada unha encargábase dun), ademais do piano.
Pero tamén descubriremos instrumentos construídos pola propia agrupación e outros datos moi interesantes, ao tempo que nos farán botar tamén algunha risotada.
O próximo martes temos unha cita moi especial en A Coruña: asistiremos a unha ópera!!!! E estreámonos neste grande xénero musical cunha das óperas máis representativas da época clásica: "A frauta máxica" de Mozart!!!
Durante estes días estamos coñecendo a vida deste grande compositor do período clásico da historia da música. Aquí tedes un vídeo que resume un pouco a súa biografía:
Neste outro vídeo podedes ver e escoitar unha versión máis breve:
A frauta máxia é unha das óperas máis coñecidas da historia da música. Queres saber de que vai? Esta historia, para a cal Mozart compuxo a música no ano 1791, cóntanos como TAMINO, un príncipe, se namora de PAMINA, unha princesa, e sálvaa da forza do mal. Tamino visita á RAÍÑA DA NOITE, que vive nun grande templo. Esta cóntalle que a súa filla Pamina foi secuestrada polo malvado SARASTRO, e ofrécelle a súa man se consegue salvala. Para iso, entrégalle unha frauta máxica, e Tamino marcha para salvala acompañado de PAPAGENO, un paxareiro ao que a Raíña tamén lle dá outro instrumento máxico: unhas maracas.
Os dous chegan ao templo, onde lles explican que Sarastro non é tan malvado como din, e que ten razóns suficientes para separar a Pamina da súa nai.
Tamino e Pamina intentan escapar, pero atrápaos MONÓSTATOS, o criado encargado de coidar á princesa. Papageno toca as súas maracas e consegue escapar con Pamina, mentras Sarastro interponse no camiño de Tamino e ofrécelle a man de Pamina a cambio de pasar 3 probas: a do silencio, a do lume e a da auga.
Unha vez conseguido, Tamino e Pamina casan, e a Raíña da Noite é derrotada, trunfando así o ben sobre o mal e a luz sobre a escuridade.
A ÓPERA comeza cunha ABERTURA, que podes escoitar premendo AQUÍ.
Pero tal vez sexa a ARIA da RAÍÑA DA NOITE un dos fragmentos máis escoitados da ópera de Mozart:
O simpático Papageno ten tamén a súa propia canción, con subtítulos en castelán:
E de seguro te divertirá este DUETO entre PAPAGENO E PAPAGENA:
A versión que nos ofrecen en A Coruña o próxima semana está a cargo da Compañía "Ferro teatro", e no seguinte vídeo podes ver un resumo do espectáculo ao que asitiremos:
No próximo concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, ademais da abertura da ópera de Wagner, escoitaremos tamén música de Benjamin BRITTEN. Este compositor, director de orquestra e pianista británico pertence ao período musical do século XX, que se caracteriza pola diversificación de estilos: na música popular, nacen novas tradicións coma o ragtime, o jazz ou o rock; na música clásica, algúns compositores crean novas maneiras de organizar os sons (entre elas, o dodecafonismo); a orquestra incorpora máis instrumentos na sección da percusión; as novas tecnoloxías permiten gravar as interpretacións de maneiras novedosas; etc.
Sen embargo, Britten foi un compositor bastante conservador, a pesar de vivir nunha época modernista.
De Britten escoitaremos a súa ópera Peter Grimes, escrita en 3 actos. O libreto, nesta ocasión, non está escrito polo propio compositor, senón polo escritor Montagu Slater, quen se baseou nun poema en inglés ("The borough") de George Grabbe.
A ópera cóntanos a historia de Peter Grimes, un pescador inglés de principios do século XIX, con carácter rudo e
pouco sociable. Polas diferenzas cos seus veciños, Peter é gravemente
marxinado. Tras a morte accidental do seu aprendiz, a xente considérao
culpable. Esta actitude provoca que o mariñeiro se encerre máis en
si mesmo e polo tanto encaixe cada vez menos na sociedade na que vive.
Desorientado e sen esperanza, Peter Grimes recorre ao suicidio para
escapar da opresión que non o deixa vivir.
Ao igual que coa ópera de Wagner, tampouco escoitaremos a de Britten na súa totalidade. A Orquestra elixiu os catro Interludios Mariños, que Britten compuxo para ser intercalados coas diferentes escenas da ópera, xa que o teatro no que se ía estrear non tiña os medios técnicos necesarios para os cambios de escenario. Estes Interludios permitían que houbese máis tempo para esas modificacións.
Os interludios representan o mar de Aldeburgh, onde ten lugar a ópera, en diferentes momentos do día.
1- Amencer. É o preludio da ópera. Representa a calma, a serenidade. O tema principal nace dun tema dos violíns e a frauta que posteriormente desenvolve toda a orquestra. 2- Mañá de domingo na praia. Britten describe unha mañá de domingo na que a luz solar se reflicte no mar calmo. Ao lonxe escóitase o canto dos paxaros mesturados coas badaladas das campás. 3- Luar. Representa o mesmo lugar da escena anterior envolto no manto da noite de luar. Este recollemento convérteo no interludio máis conmovedor. 4- A tempestade. O compositor evoca a rabia sentida polo protagonista confrontado co vento e a chuvia que desencadea unha tempestade.
Dentro de pouco viaxaremos á cidade de A Coruña para asistir a un concerto no que poderemos escoitar música de Wagner e de Britten. E para que coñezades algunhas cousas sobre estes grandes compositores do Romanticismo musical, deixámosvos aquí algúns enlaces interesantes.
Richard WAGNER é un compositor e director de orquestra alemán que pertence ao período da música denominado Romanticismo. A peza que escoitaremos de WAGNER é unha ópera, unha obra musical con canto e orquestra na que se representa unha historia enriba dun escenario. O texto da ópera divídese en arias, recitativos e coro.
A ópera elixida pola Orquestra Sinfónica de Galicia para esta ocasión é O Holandés errante. Dunha duración aproximada de 2 horas 15 minutos, está dividida en tres actos, e o libreto é do propio compositor.
A ópera está baseada na lenda (preme sobre o termo se queres lela) do holandés errante, á que Wagner engade algúns personaxes. O resumo do argumento é o seguinte:
O noruegués Daland, capitán dun buque á deriva tras un temporal atopa o famoso buque fantasma, o Holandés errante. Esmagado pola riqueza deste barco ofrece pousada ao capitán ao tempo que amañan o matrimonio coa súa propia filla, Senta. Ao mesmo tempo, Senta síntese fascinada dende a súa infancia pola figura do fantasma lendario, ao que recoñece nada máis entrar na súa casa. Créndose a salvadora da alma do seu amado capitán non dubida en aceptar o casamento. Erik, o seu noivo, lémbralle a promesa de matrimonio que os dous teñen axeitado. Ao saber isto o holandés, e despois de sentirse traizoado, marcha ás carreiras coa súa tripulación e faise á mar. Senta corre tras él e precipítase ao mar, nunha mostra do seu amor altruísta. Nese intre vense dúas figuras abrazadas (Senta mailo holandés) subindo cara ao ceo.
Da ópera de Wagner escoitaremos a abertura, que é unha peza instrumental que sirve de introdución a unha grande obra coma unha ópera, unha peza teatral, unha suite, etc. Nela preséntase un resumo da acción que se desenvolverá nos diferentes actos.
A abertura do Holandés errante pódese dividir en cinco seccións que nos axudan a seguir o argumento:
1ª sección: A introdución, na que se presenta o leitmotiv do Holandés e a súa tripulación na tormenta.
2ª sección: O andante que presenta o leitmotiv da redención vinculado a Senta.
3ª sección: Tórnase a tormenta do principio.
4ª sección: Preséntase un novo leitmotiv asociado á tripulación de Daland.
5ª sección: Escóitase a loita entre os dous leitmotivs dos protagonistas, o Holandés e Senta.
QUE É UN LEITMOTIV?
Un leitmotiv é un tema ou motivo asociado a unha persoa, unha cosa, unha emoción ou unha idea concreta que se repite e se desenvolve ao longo da obra. Caracterízase polo emprego dos mesmos instrumentos, rexistros, armonías ou acordes. Tamén pode asociarse a un ritmo determinado.
Este venres imos de concerto!!! Aínda que se celebra no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a música levaranos aos espectaculares bailes de salón, a través da interpretación da Banda Municipal de Santiago. No programa inclúense pezas tan bailables coma o vals, o pasadobre, o rock and roll, o cha-cha-chá ou a samba! No escenario, ademais da banda, estarán os bailaríns Lucía Vázquez e Cristian García. E a nós, deixarannos bailar?
Unha desas obras será o "Vals nº 2" do compositor ruso SHOSTAKOVICH (1906-1975):
Outra, unha peza moi española: un pasodobre. Nada máis e nada menos que "España cañí". Seguro que o escoitastes e bailastes en moitas verbenas!!!
Cambiamos de estilo para movernos ao ritmo dun clásico rock and roll: "See you later alligator", dos anos 50.
Pero tamén soará unha samba moi enérxica, "El cumbanchero":
E incluso poderemos escoitar un cha cha cha tamén moi popular, "Rico vacilón":
O próximo venres, os grupos de 3º, 4º, 5º e 6º imos de concerto s Santiago de Compostela. No Auditorio de Galicia terá lugar un concerto didáctico con títeres, no que a partir da música de Romeo e Xulieta de Sergei PROKOFIEV e o texto de William SHAKESPEARE, a Filharmonía de Galicia, xunto co grupo de títeres "Per Poc", representarán unha das historias máis coñecidas no noso continente. Unha historia que aínda segue inspirando a moitas persoas adicadas á literatura, ao cómic ou ao cine, entre outras. E pensamos que pode ser esta unha boa maneira de pechar unha semana adicada con agarimo especial aos libros.
Así se titula o próximo concerto ao que asistiremos o vindeiro xoves no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. O programa está composto por pezas de compositores moi importantes de diferentes períodos musicais.
Escoitaremos a J. S. BACH, un músico alemán que representa o período BARROCO (séculos XVII-XVIII). A suite é unha das formas musicais que máis se asocian a esa época. Componse de varias partes; cada unha delas é un movemento e representa unha danza antiga. Algunhas delas soarán o próximo xoves:
-"Badinerie" da Suite nº 2 en si menor, de J. S. BACH (BWV 1067)
-"Gavotta" da Suite nº 3 en re maior, de J. S. BACH (BWV 1068)
Outro compositor que estará presente será M. RAVEL, músico francés da etapa coñecida como IMPRESIONISMO musical (s. XX). Coñecidísimo polo seu famoso "Bolero", a peza que a orquestra interpretará no próximo concerto é "Le tombeau de Couperin".
-"Forlane" de Le Tombeau de Couperin, de M. RAVEL
-"Rigaudon" de Le Tombeau de Couperin, de M. RAVEL
Tamén soará o compositor ruso do século XX I. STRAVINSKI, de quen interpretarán a "Tarantela" da Suite Pulcinella. Para escribir este ballet, Stravinski baseouse nunha obra de teatro do século XVIII.
O último compositor que soará no Auditorio é Manuel de FALLA, un dos músicos españois máis importantes da primeira metade do século XX (NACIONALISMO musical). Unha das obras máis coñecidas do compositor gaditano é El amor brujo, da cal escoitaremos:
-A "Danza do lume"
-A "Danza do terror"
Se a isto engadimos a danza, ademais das explicacións de músicos profesionais, o programa do vindeiro concerto promete moito!!!!!
O pasado mércores viaxamos a Santiago de Compostela. O motivo? Asistir a un concerto didáctico sobre a guerra de Troia no Auditorio de Galicia, ademais de visitar o Museo de Historia Natural e unha exposición de pintura na praza de Cervantes. Os nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º pasárono xenial e aprenderon unha chea de cousas. Entre elas, a historia da batalla que tivo lugar no mar Exeo entre gregos e troianos. Queredes lembrala? Aquí tedes un vídeo-resume:
O próximo 14 de marzo imos de excursión!!! O destino: o Salón do Libro de Pontevedra, que este ano está adicado á gastronomía. E nesta edición -a XV-, asistiremos a un espectáculo moi atractivo: A Casiña de Chocolate, inspirado no conto Hansel e Gretel de OQO Editora. A parte musical está deseñada por Eduardo Narciso, membro da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, partindo da obra para orquestra que escribiu o músico alemán Engelbert Humperdinck no ano 1893.
No seguinte enlace podedes coñecer un pouco máis ao compositor:
A ORQUESTRA
É a encargada de interpretar a composición de Humperdinck. Lembrade cómo está colocada no escenario e a qué familia pertence cada grupo de instrumentos:
E aquí podedes escoitar a Abertura da súa composición máis coñecida. A abertura é unha peza de música instrumental que serve de introdución a unha ópera. Deixádevos levar pola música, tratade de identificar cada un dos instrumentos que soan e pensade nos sentimentos que vos transmite...
Que ben o pasamos e canto aprendemos no concerto didáctico ofrecido no Auditorio de Galicia polo Taller de Arte Contemporáneo!
Entre outras cousas, faláronnos das imitacións que se poden realizar a través da interpretación musical. E como exemplo, unha breve composición do gran MOZART cando era neno, escrita para tocar cun só dedo, e na que trata de representar un sinxelo feito da vida cotiá: untar unha torrada de pan con manteiga!
Despois centráronse nas imitacións da natureza, destacando neste apartado a representación dos animais: os paxaros (na frauta) ou a vaca (no cello). Mesmo saíu a profe Susi a practicar o son dunha vaca! Recordáronnos tamén que Camille Saint-Saëns, no Carnaval dos animais, imitou diferentes animais a través da orquestra cunha boa dose de humor.
E despois, antes de interpretar a obra do programa (Vox Ballaenae, de George Crumb), faláronnos dos sons destes enormes habitantes do mar, e escoitámolos. Se queres investigar máis sobre eles, pincha aquí.
A continuación xa gozamos dunha obra moi interesante por varias razóns. Por un lado, polo tipo de música ao que pertence (contemporánea); por outro, pola maneira de executar sons moi diferentes nos tres instrumentos que a interpretaron (o frautista cantaba á vez que tocaba o seu instrumento; o pianista, ademais das teclas, facía soar as cordas do piano de xeitos moi diferentes; o cellista conseguía facer sons que podían recordar a outras cousas ademaís do cello; etc.) E ademais, os tres músicos estaban cos ollos tapados durante a actuación. Sabedes por que? Porque para o compositor o importante non eran os músicos, senón a música. E neste caso, a música das baleas! E para iso, é importante que coidemos moito o lugar no que viven: o mar!!!
O vindeiro 18 de outubro, o 2º e o 3º ciclo de Primaria viaxaremos ata Compostela para asistir a un concerto no Auditorio de Galicia. Baixo o nome de A voz das baleas, o grupo Taller Atlántico Contemporáneo interpretará a obra co mesmo título do compositor estadounidense GEORGE CRUMB. Este músico contemporáneo destaca por explorar timbres pouco comúns nos diferentes instrumentos musicais. En ocasións, incluso pide aos músicos que se desplacen polo escenario ao mesmo tempo que interpretan as obras musicais, ou que se coloquen de xeitos diferentes aos que adoitamos a ver. Incluso escribiu partituras empregando unha linguaxe diferente á que coñecemos nós.
O grupo que veremos e escoitaremos en Santiago interpretará unha peza composta para frauta, cello e piano. Queredes escoitala un pouquiño? Pois poñédevos enriba da balea e... deixade voar a vosa imaxinación!
E si queredes coñecer un pouco máis ao grupo de músicos que forman o Taller Atlántico Contemporáneo, premede enriba das súas iniciais: TAC.
Mañán, 8 de marzo, imos de concerto a Santiago de Compostela!!! O programa será interpretado por instrumentos de vento-metal: trompeta, trombón de varas, trompa e tuba. Estarán acompañados tamén pola batería e polo acordeón. Nas últimas clases de música escoitamos, bailamos e acompañamos obras relacionadas con este grupo de instrumentos.
Celebraremos, pois, o Día Internacional da Muller Traballadora con música!!!