Mostrando entradas con la etiqueta Ficamos na casa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ficamos na casa. Mostrar todas las entradas

jueves, 18 de junio de 2020

"MÚSICA CONFINADA VI": A NOSA EXPERIENCIA e AGRADECEMENTO DE SUSI

Bos días, familias!!!
Aquí está o resumo do último capítulo da "Música confinada", a proposta que vos fixen desde a aula de música para facer máis levadío este inusual trimestre. Antes de que o vexades gustaríame dicirvos unhas palabras de agradecemento tamén desde este blog. Cando botei a andar esta iniciativa, era algo teimuda, xa que eran moitas as preguntas que me facía: gustaralles?, participarán?, serei quen de montar un vídeo que recolla as aportacións de todas?, servirá para algo?, etc. Pois agora que rematou, facendo unha valoración de toda esta actividade, quero dicirvos que estou moi agradecida pola vosa resposta. Fostes un exemplo de compromiso e responsabilidade que as nenas e nenos non esquecerán. Seguramente houbo familias que non puideron participar, outras tal vez non quixeron, pero as que o fixestes conseguistes os obxectivos principais: pasar un rato nas nosas casas facendo algo divertido, apreciar na nosa vida cotiá os aspectos culturais e artísticos, esforzarnos por facelo o mellor posible e superar a vergoña que nos puidera producir... E VERNOS!!!! Emocioneime cada vez que recibía as vosas achegas, como se viñerades visitarme á miña casa traendo como agasallo algo tan íntimo e persoal como todas as cousiñas que fomos vendo nos vídeos... 
Son moitos os motivos polos que non esqueceremos esta situación provocada pola covid-19; algúns negativos, pero tamén os hai positivos, e eses son os que teñen que pesar máis na balanza. Oxalá que a música confinada sexa un deles!!!

E agora, a desfrutar deste vídeo!!!

jueves, 11 de junio de 2020

"MÚSICA CONFINADA V": A NOSA EXPERIENCIA

Aquí está o resultado da quinta proposta de “Música confinada”, para o cal eliximos un coñecido tema de Wolfgang Amadeus MOZART que acompañastes con percusión corporal, con instrumentos que tiñades nas vosas casas e tamén dirixindo batutas improvisadas ou movementos corporais. Fixéstelo todas de marabilla e estabades concentradísimas na vosa tarefa… Ademais, é tamén unha mostra de que a situación vai cambiando, xa que comezades a xuntarvos para facer cousiñas en grupo. Que ganas temos de vernos, eh?

Aquí vai o vídeo. Desfrutádeo moito, artistas!!! 

miércoles, 3 de junio de 2020

"MÚSICA CONFINADA IV": A NOSA EXPERIENCIA

Aquí vos presento o resumo da cuarta entrega de “Música Confinada”, aínda que cada vez vaise abrindo un pouco máis, algo que nos alegra moito a todas as persoas do cole!!! Como había bastantes participantes, e a verdade é que o baile da canción amosa que tedes grandes cualidades para danzar, decidimos facer dúas montaxes. Calquera delas está estupendísima e a verdade é que a vosa participación fai que todo isto se leve moito mellor. Agradecémosvos de novo o esforzo que facedes para que o curso continúe, aínda que sexa desta maneira tan diferente.
Aquí vai o primeiro vídeo:


E aquí podedes ver o segundo, onde ademais xa se observa que o confinamento non é tan estrito.
En hora boa a esas mamás que se sumaron na coreografía, estupendísimas!!!!

lunes, 1 de junio de 2020

MÚSICA CONFINADA 5

Bos días!!!!
Comeza o mes de xuño cunha nova proposta de "Música Confinada". Nesta ocasión trátase dunha peza instrumental moi coñecida do xenial compositor Wolfgang Amadeus MOZART: a "Marcha Turca". A idea é acompañala cuns ritmos sinxelos no instrumento que vós elixades: o corpo, unha mesa, un bote, etc. Cando vos saian, poñedes a música de fondo e gravades un anaquiño para enviar como nas anteriores Músicas Confinadas...
Sei que haberá persoas que teñan algunha dificultade para realizalo, así que tamén podedes acompañar a música de dúas maneiras máis: 
-levando o pulso;
-transformándovos en directores e directoras de orquestra que movan os seus brazos deixándose levar pola música.
En calquera caso, desfrutade desta peza que estou segura todas coñecedes, e atendede aos matices de forte e piano (suave), para calquera dos acompañamentos que elixades. 

Aquí podedes escoitar a música:



Neste vídeo tedes a proposta de acompañamento con percursión corporal, e a lenda co significado de cada cousa:




Neste outro aparecen instrumentos diferentes. Xa sei que non todas as persoas os temos nas nosas casas, pero podedes cambialos por outros que vos guste como soan. Iso si, recoméndovos usar sempre o mesmo para comezar; unha vez o teñades dominado, podedes combinar un ritmo na mesa, outro sobre un bote, outro coas mans, etc. Probade de cantas maneiras queirades; o importante é FACER MÚSICA!!!


AGARDO AS VOSAS ACHEGAS!!!!

miércoles, 27 de mayo de 2020

"MÚSICA CONFINADA III": A NOSA EXPERIENCIA


Aquí temos a nova entrega de “Música Confinada III”!!! O primeiro que quero é agradecer a todas as persoas que participastes na actividade, polo voso esforzo para levala á práctica e por achegar o seu resultado para facer esta montaxe audiovisual. Se non fora polas vosas aportacións isto non tería sentido ningún, e o mes de maio sería menos colorido e esperanzador do que foi grazas ás vosas ilustracións, aos vosos sorrisos, aos vosos recitados, ás vosas danzas, aos vosos cantos…
Tamén queremos dar as grazas ao profe Óscar, por enviarnos esta versión que preparou nestes días de confinamento. Que rápido recoñecestes a súa voz; EN HORA BOA tamén por superar ese reto!!!!

Espero que vos guste e que non esquezades esta fermosa poesía-canción:

lunes, 25 de mayo de 2020

MÚSICA CONFINADA 4

Bos días e boa semana!!!! Mentras rematamos de montar o vídeo coa experiencia da semana pasada, preséntovos aquí o cuarto capítulo de "Música Confinada". Para despedir o mes de maio invítovos a aprender unha danza cunha canción moi bonita: "Peto, peto", interpretada e arranxada por Xabier Sesto Camino, Xosé Lois Seixo Fernández e Xaquín Facal García. Podedes escoitala en Radio Picariña e tamén en "Radio Rosiña", onde ademais podedes descargala:



Unha vez a teñades ben aprendida, invítovos a engadirlle estes pasos moi sinxelos, para que vos animedes todas as nenas e nenos do cole e todas as persoas que queirades convidar. Os pasos do vídeo son unha proposta, pero tamén podedes inventar outros vós!!!! Aquí vai:


Cando o teñades, enviade un vídeo e faremos unha montaxe coas vosas achegas!!!
Aperta enorme, danzantes!!!


domingo, 17 de mayo de 2020

MÚSICA CONFINADA 3

Bos días, artistas!!!
Como estades? Mentras rematamos de recompilar todos os vídeos cos vosos marabillosos cantagalos, lánzovos aquí a proposta para esta semana. Atención!!!
Xa que estamos no mes de maio, onte celebramos o "Día das Letras Galegas", aínda que nesta ocasión fixémolo dunha maneira moi diferente. No cole sempre uniamos esta celebración á dos Maios, que tanto nos gustan aínda que non son moi coñecidos no noso concello. Sen embargo, é fermoso celebrar a chegada da primavera, e nesta ocasión traigo un agasallo musical para vós, xa que se trata dunha coñecida canción que me gustaría animarvos a aprender: "Aí vén o maio". E ademais, rétovos a adiviñar quen nos canta ese tema tan fermoso. Seguro que acertades!!! 
Cando a escoitedes, podedes deixarvos levar pola súa letra, a luz da primavera, os cambios que se produciron na paisaxe durante estes meses, e podedes facer unha ilustración, ou un collage. Tamén podedes animarvos a cantala e gravarvos!!! O resto xa sabedes: enviar o resultado para facer unha montaxe e compartila con todas vós!!! Tedes de prazo ata o domingo, 24 de maio. A partir dese día, desvelarei o nome do artista que nos agasalla con esta gravación...


Unha aperta enorme!!!!  


lunes, 4 de mayo de 2020

MÚSICA CONFINADA 1

Comezou o mes de maio, e tendo en conta que xa levamos bastante tempo confinadas nas nosas casas, pensei que sería unha boa idea propoñervos unha actividade para realizar ao longo da semana. Se podedes, ademais, estaría ben que puiderades enviar un pequeniño vídeo onde se vexa o resultado, e con eles podo facer unha pequena montaxe onde vos vexades todas as persoas que participedes. Parécevos ben? 
Imos comezar con percusión, que sei que vos gusta moito e que vos enganchará rapidamente. Para as nenas e nenos de Infantil e 1º e 2º de Primaria pensei en "Pajaritos en mi ventana", xa que estou segura de que vistes moitos durante estes días. Trátase dunha canción do marabilloso grupo arxentino "Agua de Sol" que acompañan cun pequeno xogo corporal. Practicádeo e, cando o consideredes aceptable, enviádeo nesta entrada do blog. Podedes facelo ata o domingo, 10 de maio, xa que o luns sairá adiante outra proposta. Aquí vai a primeira:



E para as nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, "Soco, Bate, Vira":


Animádevos a practicar e a enviar as vosas experiencias!!!

Unha aperta enorme,
                                       Susi.