Mostrando entradas con la etiqueta Música contemporánea. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Música contemporánea. Mostrar todas las entradas

sábado, 4 de marzo de 2017

DESCUBRIMOS A "INVENCIÓN" DE ODAIKO

O próximo mércores imos de excursión a Santiago de Compostela. Nesta ocasión, asistiremos ao concerto que nos ofrecerá o grupo ODAIKO, unha formación composta por 4 percusionistas multidisciplinares, que actualmente son: Juan Collazo, Antonio Ocampo, Félix Rodríguez e Francisco Troncoso.O seu novo espectáculo, que leva por título "Invención", foi presentado a través dun vídeo que aumenta as nosas ganas de velos:


Ademais de desfrutar da súa música, ODAIKO quere que coñezamos algunhas cousas sobre música moi interesantes. Imos aló!!!
"Invención" percorre distintos momentos históricos, repasando algúns dos grandes inventos da humanidade. Comeza no S.XVIII e vai avanzando ata chegar á actualidade, facendo mención a Johann Sebastian BACH, o compositor que para os musicólogos facía o rock da época; fai tamén referencia a outras invencións froito de procesos como a Industralización ou a introdución do plástico na sociedade e outras máis relacionadas coa música, como a orixe da creación da batería ou doutros instrumentos musicais que comezaron como froito da casualidade e da experimentación do día a día.

BACH compuxo unha cantidade enorme de obras. Unha das formas nas que destacou foi a FUGA, na que se van superpoñendo ideas musicais. Escoitade unha das máis coñecidas, que compuxo para órgano: a "Tocata e fuga en re menor BWV 565".
 


Esta é unha fuga instrumental, pero tamén as hai vocais. Aquí podedes escoitar unha que versiona unha coñecida canción infantil:


Odaiko tamén quere que coñezamos a orixe da BATERÍA. Naceu en Nova Orleáns, cando as bandas de dixieland pasaron das rúas aos clubs, incorporando un conxunto de instrumentos de percusión (bombo, caixa, pratos...) que  tocaban varias persoas (cada unha encargábase dun), ademais do piano. 
Escoita AQUÍ unha banda dixieland.

Pero tamén descubriremos instrumentos construídos pola propia agrupación e outros datos moi interesantes, ao tempo que nos farán botar tamén algunha risotada. 



lunes, 21 de octubre de 2013

Escoitamos as baleas

Que ben o pasamos e canto aprendemos no concerto didáctico ofrecido no Auditorio de Galicia polo Taller de Arte Contemporáneo!
Entre outras cousas, faláronnos das imitacións que se poden realizar a través da interpretación musical. E como exemplo, unha breve composición do gran MOZART cando era neno, escrita para tocar cun só dedo, e na que trata de representar un sinxelo feito da vida cotiá: untar unha torrada de pan con manteiga!
Despois centráronse nas imitacións da natureza, destacando neste apartado a representación dos animais: os paxaros (na frauta) ou a vaca (no cello). Mesmo saíu a profe Susi a practicar o son dunha vaca! Recordáronnos tamén que Camille Saint-Saëns, no Carnaval dos animais, imitou diferentes animais a través da orquestra cunha boa dose de humor.
E despois, antes de interpretar a obra do programa (Vox Ballaenae, de George Crumb), faláronnos dos sons destes enormes habitantes do mar, e escoitámolos. Se queres investigar máis sobre eles, pincha aquí.
A continuación xa gozamos dunha obra moi interesante por varias razóns. Por un lado, polo tipo de música ao que pertence (contemporánea); por outro, pola maneira de executar sons moi diferentes nos tres instrumentos que a interpretaron (o frautista cantaba á vez que tocaba o seu instrumento; o pianista, ademais das teclas, facía soar as cordas do piano de xeitos moi diferentes; o cellista conseguía facer sons que podían recordar a outras cousas ademaís do cello; etc.) E ademais, os tres músicos estaban cos ollos tapados durante a actuación. Sabedes por que? Porque para o compositor o importante non eran os músicos, senón a música. E neste caso, a música das baleas! E para iso, é importante que coidemos moito o lugar no que viven: o mar!!!

lunes, 14 de octubre de 2013

Concerto do Taller Atlántico Contemporáneo

O vindeiro 18 de outubro, o 2º e o 3º ciclo de Primaria viaxaremos ata Compostela para asistir a un concerto no Auditorio de Galicia. Baixo o nome de A voz das baleas, o grupo Taller Atlántico Contemporáneo interpretará a obra co mesmo título do compositor estadounidense GEORGE CRUMB. Este músico contemporáneo destaca por explorar timbres pouco comúns nos diferentes instrumentos musicais. En ocasións, incluso pide aos músicos que se desplacen polo escenario ao mesmo tempo que interpretan as obras musicais, ou que se coloquen de xeitos diferentes aos que adoitamos a ver. Incluso escribiu partituras empregando unha linguaxe diferente á que coñecemos nós.
O grupo que veremos e escoitaremos en Santiago interpretará unha peza composta para frauta, cello e piano. Queredes escoitala un pouquiño? Pois poñédevos enriba da balea e... deixade voar a vosa imaxinación!

E si queredes coñecer un pouco máis ao grupo de músicos que forman o Taller Atlántico Contemporáneo, premede enriba das súas iniciais: TAC.