Mostrando entradas con la etiqueta música tradicional. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta música tradicional. Mostrar todas las entradas

miércoles, 3 de junio de 2020

"MÚSICA CONFINADA IV": A NOSA EXPERIENCIA

Aquí vos presento o resumo da cuarta entrega de “Música Confinada”, aínda que cada vez vaise abrindo un pouco máis, algo que nos alegra moito a todas as persoas do cole!!! Como había bastantes participantes, e a verdade é que o baile da canción amosa que tedes grandes cualidades para danzar, decidimos facer dúas montaxes. Calquera delas está estupendísima e a verdade é que a vosa participación fai que todo isto se leve moito mellor. Agradecémosvos de novo o esforzo que facedes para que o curso continúe, aínda que sexa desta maneira tan diferente.
Aquí vai o primeiro vídeo:


E aquí podedes ver o segundo, onde ademais xa se observa que o confinamento non é tan estrito.
En hora boa a esas mamás que se sumaron na coreografía, estupendísimas!!!!

miércoles, 20 de mayo de 2020

"MÚSICA CONFINADA II": A NOSA EXPERIENCIA

Xa están aquí os vídeos nos que as nenas e nenos do cole amosades os vosos cantagalos. É interesante escoitar o diferentes que soan uns e outros... Esperamos que o pasarades moi ben facéndoos e que sirva tamén a actividade para recoñecer unha árbore típica galega como é o loureiro...

Aquí podedes ver e escoitar as achegas de Infantil e 1º e 2º de Primaria:


E no seguinte vídeo están as achegas que fixestes de 3º a 6º de Primaria:






miércoles, 29 de abril de 2020

DÍA MUNDIAL DA DANZA

Premede aquí para bailar con Pesdelán.
Bailamos un pouquiño?
Hoxe celébrase o "Día Mundial da Danza", e no cole sempre preparamos algunha para facer festa, pero nesta ocasión non pode ser debido á situación de confinamento na que nos atopamos. Sen embargo, non por iso non imos deixar de bailar e de adicar tempo á música, verdade? Por este motivo, quería convidarvos á proposta que nos fan desde o "Salón do Libro de Pontevedra". Tamén alí se viron afectados polo coronavirus, tendo que cancelar moitas das súas actividades. Outras, en cambio, mudaron de formato. A de hoxe está dentro deste segundo grupo, así que se queredes participar nela adiante!!! Trátase dun concerto do grupo de música PESDELÁN, e premendo sobre a imaxe podedes acceder á canle do "Salón do Libro". E a bailar todo o mundo!!!!


lunes, 25 de marzo de 2019

MÚSICA DE ÁFRICA

O próximo 5 de abril viaxaremos ata A Coruña para asistir a un concerto no Palacio da Ópera. Nel poderemos escoitar música africana, ao mesmo tempo que veremos algúns dos instrumentos tradicionais máis característicos deste continente e desfrutaremos da unión de música, danza e teatro. Por iso quero deixarvos aquí algunhas imaxes e vídeos que poden axudarvos a gozar do espectáculo doutra maneira. Estades preparadas para viaxar? Pois imos alá!!!!

En África hai unha variedade enorme de instrumentos musicais. Algúns deles poderemos velos en directo, pero mentras tanto, preme sobre a imaxe para desfrutar dun vídeo sobre cada instrumento:

DJEMBÉ
Este instrumento membranófono é un tambor en forma de copa moi popular en Senegal, Guinea Conakry e Burkina Faso. Construído con madeira e pel, que se tensa empregando cordas. Tócase coas mans. Ao golpear o centro, produce sons máis graves, e ao golpear nos bordos, sons máis agudos. É un instrumento moi empregado para acompañar a danza.
CAXIXI
Este instrumento de percusión é un pequeno cesto de mimbre ou palla, con forma de campá, que pode ter varios tamaños. A abertura péchase cun anaco de cabaza, e no seu interior métense sementes, pedras, bóliñas de madeira... O seu son é parecido ao dunha maraca. Tamén se usa moito en Brasil (aínda que este país non se atopa en África), onde se inclúe xunto ao berimbao para os toques de capoeira.
KALIMBA
Tamén chamado sansa ou mbira, este instrumento de percusión consiste nunha pequena caixa de madeira cunha ponte clavada, na que se suxeitan láminas de ferro que, ao pulsar cos dedos, producen un fermoso son. Moi extendido en Tanzania e Zimbawe, utilízase moito para acompañar o canto pero tamén a narración oral (contos, fábulas, etc.)

CANCIÓN SIYAHAMBA - Tradicional (lingua zulú)


AMAWOLÉ - Canción congoleña



martes, 4 de abril de 2017

BAILES DO MUNDO QUE SON PATRIMONIO DA HUMANIDADE

Atopamos este interesante artículo sobre bailes do mundo que son Patrimonio da Humanidade. A maioría sitúanse en América Latina, pero tamén aparece un moi característico de España, e quen sabe se nun futuro tamén algún galego se inclúe nesta lista. Cantos coñecedes? Cantos bailades?

https://viajes.lavozdegalicia.es/bailes-del-mundo-que-son-patrimonio-de-la-humanidad/
 

sábado, 4 de marzo de 2017

DESCUBRIMOS A "INVENCIÓN" DE ODAIKO

O próximo mércores imos de excursión a Santiago de Compostela. Nesta ocasión, asistiremos ao concerto que nos ofrecerá o grupo ODAIKO, unha formación composta por 4 percusionistas multidisciplinares, que actualmente son: Juan Collazo, Antonio Ocampo, Félix Rodríguez e Francisco Troncoso.O seu novo espectáculo, que leva por título "Invención", foi presentado a través dun vídeo que aumenta as nosas ganas de velos:


Ademais de desfrutar da súa música, ODAIKO quere que coñezamos algunhas cousas sobre música moi interesantes. Imos aló!!!
"Invención" percorre distintos momentos históricos, repasando algúns dos grandes inventos da humanidade. Comeza no S.XVIII e vai avanzando ata chegar á actualidade, facendo mención a Johann Sebastian BACH, o compositor que para os musicólogos facía o rock da época; fai tamén referencia a outras invencións froito de procesos como a Industralización ou a introdución do plástico na sociedade e outras máis relacionadas coa música, como a orixe da creación da batería ou doutros instrumentos musicais que comezaron como froito da casualidade e da experimentación do día a día.

BACH compuxo unha cantidade enorme de obras. Unha das formas nas que destacou foi a FUGA, na que se van superpoñendo ideas musicais. Escoitade unha das máis coñecidas, que compuxo para órgano: a "Tocata e fuga en re menor BWV 565".
 


Esta é unha fuga instrumental, pero tamén as hai vocais. Aquí podedes escoitar unha que versiona unha coñecida canción infantil:


Odaiko tamén quere que coñezamos a orixe da BATERÍA. Naceu en Nova Orleáns, cando as bandas de dixieland pasaron das rúas aos clubs, incorporando un conxunto de instrumentos de percusión (bombo, caixa, pratos...) que  tocaban varias persoas (cada unha encargábase dun), ademais do piano. 
Escoita AQUÍ unha banda dixieland.

Pero tamén descubriremos instrumentos construídos pola propia agrupación e outros datos moi interesantes, ao tempo que nos farán botar tamén algunha risotada. 



lunes, 15 de diciembre de 2014

MÚSICA DE MALÍ PARA CELEBRAR OS DEREITOS

O venres pasado celebramos no cole os Dereitos do Neno e os Dereitos Humanos, ademais de participar na Carreira "Save the Children", que este ano destina os cartos recadados a Malí. Foi por este motivo que eliximos dous temas ben fermosos deste país africano. O primeiro deles, unha nana titulada "Makun" na que a cantante é acompañada por un instrumento tradicional de África Occidental: a KORA. Este instrumento constrúese a partir dunha cabaza cortada pola metade, que se cobre con coiro. As 21 cordas, coma na guitarra española, están suxeitas ao mastro. O seu son lembra ao da arpa, aínda que dependendo da maneira que se toque tamén pode ser semellante ao da guitarra flamenca. O músico emprega o dedo polgar e o índice ou furabolos para pulsar as cordas. Ao intérprete de kora tradicional chámaselle "jali", que significa "historiador oral".
No seguinte vídeo podedes ver e escoitar a un coñecido intérprete de kora: Toumani Diabaté, que é de Malí.


E no seguinte, a canción "Makun". Aínda que está nun idioma moi diferente ao noso (bambara), seguro que entendes algunha palabra. Escoita con atención:

domingo, 30 de marzo de 2014

Imos de concerto: ULTREIA

O próximo venres, 4 de abril, voltamos ao Auditorio de Galicia. Nesta ocasión, para escoitar e ver o espectáculo de Ultreia "Manifestacións musicais lúdicas". ULTREIA é unha asociación-obradoiro de cultura tradicional que naceu no ano 1993 co interese de recuperar a música, os instrumentos, os traxes e as danzas tradicionais galegas. Nas súas actuacións fan un percorrido polo folclore galego a través de pezas instrumentais e cantadas, danzas, instrumentos (algúns deles hoxe practicamente extintos e/ou descoñecidos), vestimentas, etc.
Ata mediados do século pasado a principal diversión dos nenos/as de Galicia era a música e o baile. Moitos/as aprendían a facer sinxelos instrumentos musicais con follas, pipas de alcacén, pipas de castiñeiro, etc. Cando eran máis grandiños, aprendían a tocar algún instrumento (gaita de fol, acordeón, clarinete, pandeireta...) e a cantar. Os cantos acompañaban moitas veces as tarefas do campo (sachar, segar, mallar, esfollar, traballar o liño, etc.), e tamén as diferentes épocas do ano (o Nadal, o Entroido, a Pascua, os Maios, etc.) Outra función moi importante era acompañar os bailes que se facían nos días de cotío despois do traballo, cando se dispoñía dun gaiteiro ou doutro músico.
Aínda que instrumentos de corda coma o violín, a zanfoña e o rabel tamén se empregaban para acompañar os bailes, o máis frecuente é que estes foran tocados polos cegos, que ían de aldea e aldea contando historias inventadas ou feitos reais en forma de romances cantados, nunha época na que non había televisión, nin periódicos nin radio.

Na primeira parte do concerto, Ultreia amosaranos os instrumentos que nenos e nenas empregaban para divertirse naquela época, e mesmo farán demostracións sobre como se fabricaban e tocaban algúns deles.
Na segunda parte, centraranse nos instrumentos propios dos adultos, así como nos diferentes xeitos de bailar nas distintas provincias de Galicia, tanto os bailes soltos (muiñeira, xota, carballesa, maneo...) coma os agarrados (pasodobres, valses, mazurcas, rumbas, polcas...)

E para ir calmando as ganas de escoitalos en directo, aquí podedes ver un vídeo que recolle parte do seu traballo. A disfrutalo!!!



E a continuación podedes ver a clasificación dalgúns dos instrumentos que o próximo venres utilizarán no seu concerto. Coñecédelos todos?

viernes, 14 de febrero de 2014

O estraperlo

O "estraperlo" refírese ao comercio ilegal de artigos aos que o Estado lles engade algún imposto. Tamén se coñece co nome de "mercado negro", ou clandestino. 
Pois este tipo de mercado inspirou ao grupo Fuxan os Ventos para compoñer unha canción así titulada e coa que festexamos na clase de Música a chegada do Entroido. 


domingo, 9 de febrero de 2014

BERROGÜETTO

Berrogüetto é un dos grupos de música dos que os galegos podemos estar ben orgullosos. Despois de 18 anos de carreira, a semana pasada anunciaron a súa disolución, e dende este blogue queremos agradecerlles tantos agasallos de boa música, tanto a través dos seus 5 discos coma dos seus directos. E esa música seguirá soando nas nosas clases, porque facedes moita falta. Sodes IMPRESCINDIBLES!!!


miércoles, 19 de junio de 2013

miércoles, 15 de mayo de 2013

A COSTUREIRA

Unha homenaxe para todas as mulleres que se adican ao traballo das teas en todo o mundo. Moitas delas en pésimas condicións, como ocorre na India, onde nos últimos días soubemos de noticias tan tristes como o derrubamento dunha fábrica téxtil en Bangladesh.
Dende a clase de Música imos aprender esta canción de Fuxan os Ventos (preme sobre a imaxe):
A COSTUREIRA

sábado, 11 de mayo de 2013

A REGUEIFA

A regueifa é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que manteñen unha disputa sobre un tema determinado.

A orixe deste canto popular atopámola na regueifa, que era un molete de pan co que antigamente se agasallaba aos convidados nas vodas. A diversión consistía en "cantar a regueifa" entre os convidados da parroquia e os que viñan de fóra. Comezaban estes últimos, que botaban unha copla (cuarteta) meténdose cos da parroquia, un dos cales lle respondía. Iniciábase así unha discusión que podía durar varias horas. Gañaba o que cantaba a última copla, que ademais era o encargado de repartir a regueifa.



Os temas das regueifas son variados, pero ao incluír humor e retranca, fai que sexan cantos moi divertidos para os oíntes.

Entre os recuperadores e divulgadores deste xénero tan antigo están PINTO D'HERBÓN e LUÍS CARUNCHO, que o próximo mércores día 15 escoitaremos en vivo e en directo no noso colexio, con motivo da Celebración do Día das Letras Galegas. Para que vos vaiades facendo unha idea do concerto, podedes ver aquí un vídeo cos seus protagonistas:


Tamén podedes velos e escoitalos nunha actuación nun Instituto premendo AQUÍ. 
Como moitos de vós sinalastes durante estes días nas clases de música a súa similitude co rap, aquí tedes un vídeo no que podedes informarvos sobre a súa relación coas regueifas. 
Agora xa podedes animarvos vós a crear as vosas propias coplas!!!