O próximo venres, 4 de abril, voltamos ao Auditorio de Galicia. Nesta ocasión, para escoitar e ver o espectáculo de Ultreia "Manifestacións musicais lúdicas". ULTREIA é unha asociación-obradoiro de cultura tradicional que naceu no ano 1993 co interese de recuperar a música, os instrumentos, os traxes e as danzas tradicionais galegas. Nas súas actuacións fan un percorrido polo folclore galego a través de pezas instrumentais e cantadas, danzas, instrumentos (algúns deles hoxe practicamente extintos e/ou descoñecidos), vestimentas, etc.
Ata mediados do século pasado a principal diversión dos nenos/as de Galicia era a música e o baile. Moitos/as aprendían a facer sinxelos instrumentos musicais con follas, pipas de alcacén, pipas de castiñeiro, etc. Cando eran máis grandiños, aprendían a tocar algún instrumento (gaita de fol, acordeón, clarinete, pandeireta...) e a cantar. Os cantos acompañaban moitas veces as tarefas do campo (sachar, segar, mallar, esfollar, traballar o liño, etc.), e tamén as diferentes épocas do ano (o Nadal, o Entroido, a Pascua, os Maios, etc.) Outra función moi importante era acompañar os bailes que se facían nos días de cotío despois do traballo, cando se dispoñía dun gaiteiro ou doutro músico.
Aínda que instrumentos de corda coma o violín, a zanfoña e o rabel tamén se empregaban para acompañar os bailes, o máis frecuente é que estes foran tocados polos cegos, que ían de aldea e aldea contando historias inventadas ou feitos reais en forma de romances cantados, nunha época na que non había televisión, nin periódicos nin radio.
Na primeira parte do concerto, Ultreia amosaranos os instrumentos que nenos e nenas empregaban para divertirse naquela época, e mesmo farán demostracións sobre como se fabricaban e tocaban algúns deles.
Na segunda parte, centraranse nos instrumentos propios dos adultos, así como nos diferentes xeitos de bailar nas distintas provincias de Galicia, tanto os bailes soltos (muiñeira, xota, carballesa, maneo...) coma os agarrados (pasodobres, valses, mazurcas, rumbas, polcas...)
E para ir calmando as ganas de escoitalos en directo, aquí podedes ver un vídeo que recolle parte do seu traballo. A disfrutalo!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario