lunes, 11 de mayo de 2020

MÚSICA CONFINADA 2

Ola de novo!!!! A primeira proposta de "música confinada" tivo moi bo resultado, así que pensei que vos gustaría animarvos con unha nova para esta semana... Nesta ocasión invítovos a construír un instrumento musical, pero necesitaredes a axuda dunha persoa maior, así que tendo en conta a situación na que nos atopamos, estou segura de que algunha mamá, algún papá ou os avoíños e avoíñas (se tedes a sorte de telos na casa ou pretiño) ou mesmo algún irmán ou algunha irmá maior se prestarán para botarvos unha man.
Xa que estamos nunha estación tan bonita como é a primavera, e que este curso está adicado ás aves, podemos construír un cantagalos!!!! Sabedes o que é? Trátase dun instrumento moi antigo que construían os nenos e nenas en Galicia, moi sinxeliño de facer, xa que só necesitades unha folla e un anaco de póla de loureiro. Unha vez o teñades, pedides axuda a unha persoa maior para que lle faga un corte lonxitudinal, no cal colocaredes a folla, á que lle cortaredes os extremos e axustaredes no tamaño da fenda. O instrumento métese entre nos beizos de xeito que, ao soprar, o aire sae pola fenda e pon en movemento a folla alí aloxada. Emite un son moi característico, semellante ao canto dun galo. Nalgunhas zonas de Galicia chámanlles estraloques.

O loureiro é unha árbore moi común en Galicia.
Para que entendades mellor como construílo podedes ver este vídeo, onde o explican paso a paso desde o "Proxecto Ronsel", que é un proxecto para defender o Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia:


Como na anterior ocasión, se vos apetece amosar o voso resultado, enviádenos un vídeo curtiño (arredor de 20 segundos) onde o toquedes para facer unha montaxe con todos os vosos cantagalos. Sería estupendo!!!!

Un brazo enorme, musicANTES!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario