sábado, 17 de mayo de 2014

Os Maios

"A festa dos Maios" é unha celebración que se fai nalgunhas zonas de Galicia, sobre todo no sur, aínda que tamén se celebra nalgunhas poboacións do norte.
Festéxase a despedida do inverno, a floración das plantas e a aparición dos primeiros froitos; a data de celebración vai desde abril ata mediados de maio, aínda que pode prolongarse ata o mes de xuño.
Hai dous tipos de maios:
-os humanos, cando unha nena ou un neno se disfraza de maio, cubrindo as súas roupas con follas, pólas e flores;
-os figurativos, cando o maio é unha figura con forma cónica ou piramidal feita con paus que se recobre de xestas, hedras, fientos, musgo, fiúncho..., e adórnase con flores, laranxas e mesmo cascas de ovo. 
Era transportado por un neno que ía no seu interior, e cantaba unha estrofa ou dicía un refrán que repetían os demais compoñentes do grupo dando voltas arredor do "maio".
Hoxe en día, ademais da forma tradicional, intentan imitar casas, castelos, cruceiros, murallas, etc... 
Aínda que na nosa zona non é habitual celebralo, este curso animámonos a elaborar un Maio coa axuda de todos. E nada mellor que cantarlle para que a festa sexa completa!!! Nesta ocasión eliximos O Maio de As Nogais (Lugo). É este un Maio humano, co que pedían o aguinaldo cantando de casa en casa e acompañando a parte cantada con paus, pandeiros, pandeiras ou castañolas. Ao rematar de percorrer as casas, facían unha merenda con todo o recibido, habitualmente castañas, noces, chourizos, etc. O prato principal adoitaba ser castañas cocidas con touciño.


No hay comentarios:

Publicar un comentario