miércoles, 15 de mayo de 2013

A COSTUREIRA

Unha homenaxe para todas as mulleres que se adican ao traballo das teas en todo o mundo. Moitas delas en pésimas condicións, como ocorre na India, onde nos últimos días soubemos de noticias tan tristes como o derrubamento dunha fábrica téxtil en Bangladesh.
Dende a clase de Música imos aprender esta canción de Fuxan os Ventos (preme sobre a imaxe):
A COSTUREIRA

lunes, 13 de mayo de 2013

DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Este ano o Día das Letras Galegas está adicado a ROBERTO VIDAL BOLAÑO, un dos promotores do teatro profesional en Galicia, xénero co que estivo intimamente ligado: formou parte do Grupo Abrente; participou na fundación doutros; escribiu obras de teatro para rapaces e para adultos; dirixiu outras; actuou en obras de teatro e tamén en cine e televisión; etc.

E para homenaxear a todos os escritores e escritoras en lingua galega, chega aquí o novo éxito do noso amigo PACO NOGUEIRAS! E é que en galego podemos facer todo: ler, escoitar, escribir, falar, sentir, querer, perdoar, brincar...


sábado, 11 de mayo de 2013

A REGUEIFA

A regueifa é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que manteñen unha disputa sobre un tema determinado.

A orixe deste canto popular atopámola na regueifa, que era un molete de pan co que antigamente se agasallaba aos convidados nas vodas. A diversión consistía en "cantar a regueifa" entre os convidados da parroquia e os que viñan de fóra. Comezaban estes últimos, que botaban unha copla (cuarteta) meténdose cos da parroquia, un dos cales lle respondía. Iniciábase así unha discusión que podía durar varias horas. Gañaba o que cantaba a última copla, que ademais era o encargado de repartir a regueifa.



Os temas das regueifas son variados, pero ao incluír humor e retranca, fai que sexan cantos moi divertidos para os oíntes.

Entre os recuperadores e divulgadores deste xénero tan antigo están PINTO D'HERBÓN e LUÍS CARUNCHO, que o próximo mércores día 15 escoitaremos en vivo e en directo no noso colexio, con motivo da Celebración do Día das Letras Galegas. Para que vos vaiades facendo unha idea do concerto, podedes ver aquí un vídeo cos seus protagonistas:


Tamén podedes velos e escoitalos nunha actuación nun Instituto premendo AQUÍ
Como moitos de vós sinalastes durante estes días nas clases de música a súa similitude co rap, aquí tedes un vídeo no que podedes informarvos sobre a súa relación coas regueifas
Agora xa podedes animarvos vós a crear as vosas propias coplas!!!

viernes, 19 de abril de 2013

DÍA DO LIBRO

Nun libro poden suceder tantas cousas... O día 23 de abril queremos celebralo no cole cunha festa especial, e para iso non pode faltar unha canción. Para esta ocasión eliximos a composición de Paco Nogueiras, que nos gusta moito!!! (O video agóchase na imaxe)


Que pasa? Que ocorre? Que pasa? Que é?
Na miña estantería algo se move, o que? (BIS)

Abre as mans poderás ver un novo mundo aparecer
o momento de voar só con comezar a ler.
Que sinxelo pode ser! Un momento nada máis,
un tesouro de papel con historias sen parar.
Nun libro, nun libro, nun libro, nun libro.

Personaxes de ficción que din cousas sen parar,
ver lugares onde nunca vas a estar,
podes subir ata o ceo, navegar en calquer mar,
mirar as letras que veñen, mirar as letras que van.
Nun libro, nun libro, nun libro, nun libro.

Unha nova folla é un paso máis,
segue o camiño, chega ata o final.
Detrás de cada verba algo atoparás,
se non ten sentido, volta a empezar! (BIS)

Ler a mensaxe de amor entre un verme e un leirón,
ver algún peixe que voa e paxaros que xa non,
un poema que o sol á lúa agasallou,
xogar co arco da vella e quedar coma un señor.
Nun libro, nun libro, nun libro, nun libro.

Ser forte coma un dragón e lixeiro como o ar,
ata pode ser que un león domar,
un misterio resolver, un feitizo enfeitizar,
verás un mundo pra rir e cando queiras pechar.
Nun libro, nun libro, nun libro, nun libro.



martes, 9 de abril de 2013

O CREBANOCES DE TCHAIKOVSKY

Eliximos esta peza tan coñecida do compositor ruso Piotr Tchaikovsky porque na segunda parte da mesma (Danzas características) inclúe varias danzas que nos levan a imaxinar os bailes tradicionais de diferentes países... Aínda que é un conto no que a temática xira en torno ao Nadal, deixámosvos aquí un vídeo para que lembredes esta historia tan coñecida. A música seguro que vos soa, porque é a que estamos traballando nas clases de música. Gozádeo!

E, para os que queiran investigar máis sobre Tchaikovsky, aquí tedes un Lim moi interesante:


jueves, 4 de abril de 2013

VISÍTANOS VADIM YUKHNEVICH!!!

Mañá vén ao cole Vadim Yukhnevich, un marabilloso acordeonista bielorruso! Antes de chegar ao noso país, recorreu varios lugares de Europa (Alemaña, Francia...) tocando na rúa con outros instrumentistas. Ademais de impartir clases de acordeón, forma parte de numerosos proxectos relacionados coa escena: participa tocando en directo en diversas obras de teatro (Berrobambán, Mago Teto...); realiza gravacións e espectáculos didácticos (Boas Noites, O camaleón musical...); forma parte de varios grupos musicais (Stranniki, Xúa, Kibitka, Banda Crebinsky...)
Vadim leva máis de 10 anos vivindo en Galicia, así que xa coñece moi ben a nosa cultura, pero nós queremos saber da súa: como é a vida cotiá en Bielorrusia, que similitudes e diferenzas ten coa nosa... E, sobre todo, queremos saber qué cantan, qué bailan,... E escoitar o acordeón de Vadim!!!




lunes, 4 de marzo de 2013

MIRIAM MAKEBA

Esta cantante africana (Johannesburgo, Sudáfrica) cumpliría hoxe 81 anos. Ademais de adicarse á música, foi unha incansable defensora da igualdade entre todas as persoas, independientemente da súa raza, e liderou a campaña contra o "apartheid" do seu país. 
Coñecida como "Mamá África", o seu maior éxito foi a canción "Pata, pata" (1967). 
Aquí tedes tamén un vídeo onde coñeceredes máis sobre a súa vida e onde poderedes escoitar un dos temas máis fermosos que existen: "Malaika":