lunes, 15 de diciembre de 2014

MÚSICA DE MALÍ PARA CELEBRAR OS DEREITOS

O venres pasado celebramos no cole os Dereitos do Neno e os Dereitos Humanos, ademais de participar na Carreira "Save the Children", que este ano destina os cartos recadados a Malí. Foi por este motivo que eliximos dous temas ben fermosos deste país africano. O primeiro deles, unha nana titulada "Makun" na que a cantante é acompañada por un instrumento tradicional de África Occidental: a KORA. Este instrumento constrúese a partir dunha cabaza cortada pola metade, que se cobre con coiro. As 21 cordas, coma na guitarra española, están suxeitas ao mastro. O seu son lembra ao da arpa, aínda que dependendo da maneira que se toque tamén pode ser semellante ao da guitarra flamenca. O músico emprega o dedo polgar e o índice ou furabolos para pulsar as cordas. Ao intérprete de kora tradicional chámaselle "jali", que significa "historiador oral".
No seguinte vídeo podedes ver e escoitar a un coñecido intérprete de kora: Toumani Diabaté, que é de Malí.


E no seguinte, a canción "Makun". Aínda que está nun idioma moi diferente ao noso (bambara), seguro que entendes algunha palabra. Escoita con atención:

domingo, 7 de diciembre de 2014

O APALPADOR

Aínda que na clase de música estamos escoitando a canción que lle adicou Paco Nogueiras a esta figura propia do Nadal galego, existen moitas outras!!! Entre elas, esta do grupo Malvela:



sábado, 22 de noviembre de 2014

SANTA CECILIA

Para celebrar o día da patroa dos músicos, aquí vai unha fermosa peza do grupo Fetén Fetén: Bolero para una tarde de septiembre, que nós podemos renomear Bolero para unha tarde de novembro!


viernes, 21 de noviembre de 2014

EN DANZA COA ORQUESTRA

Así se titula o próximo concerto ao que asistiremos o vindeiro xoves no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. O programa está composto por pezas de compositores moi importantes de diferentes períodos musicais. 
Escoitaremos a J. S. BACH, un músico alemán que representa o período BARROCO (séculos XVII-XVIII). A suite é unha das formas musicais que máis se asocian a esa época. Componse de varias partes; cada unha delas é un movemento e representa unha danza antiga. Algunhas delas soarán o próximo xoves:
-"Badinerie" da Suite nº 2 en si menor, de J. S. BACH (BWV 1067)
-"Gavotta" da Suite nº 3 en re maior, de J. S. BACH (BWV 1068)
Outro compositor que estará presente será M. RAVEL, músico francés da etapa coñecida como IMPRESIONISMO musical (s. XX). Coñecidísimo polo seu famoso "Bolero", a peza que a orquestra interpretará no próximo concerto é "Le tombeau de Couperin".
-"Forlane" de Le Tombeau de Couperin, de M. RAVEL
-"Rigaudon" de Le Tombeau de Couperin, de M. RAVEL
Tamén soará o compositor ruso do século XX I. STRAVINSKI, de quen interpretarán a "Tarantela" da Suite Pulcinella. Para escribir este ballet, Stravinski baseouse nunha obra de teatro do século XVIII.
O último compositor que soará no Auditorio é Manuel de FALLA, un dos músicos españois máis importantes da primeira metade do século XX (NACIONALISMO musical). Unha das obras máis coñecidas do compositor gaditano é El amor brujo, da cal escoitaremos:
-A "Danza do lume"
-A "Danza do terror"
Se a isto engadimos a danza, ademais das explicacións de músicos profesionais, o programa do vindeiro concerto promete moito!!!!!

A GUERRA DE TROIA

O pasado mércores viaxamos a Santiago de Compostela. O motivo? Asistir a un concerto didáctico sobre a guerra de Troia no Auditorio de Galicia, ademais de visitar o Museo de Historia Natural e unha exposición de pintura na praza de Cervantes. Os nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º pasárono xenial e aprenderon unha chea de cousas. Entre elas, a historia da batalla que tivo lugar no mar Exeo entre gregos e troianos. Queredes lembrala? Aquí tedes un vídeo-resume:


lunes, 27 de octubre de 2014

SAMAÍN



Este ano tamén queremos celebrar esta festa cantando!!! Para a ocasión, aprendemos a canción "A bruxa Maruxa", do disco María Fumaça. Elixímola tamén pensando en unir este personaxe co mundo cinematográfico, aínda que este será un proxecto a medio-longo prazo... Mentras, podemos escoitala e vela clicando na imaxe da bruxa, nunha composición realizada no CEIP Cruceiro.


miércoles, 10 de septiembre de 2014

ARRANCAMOS O CURSO!!!!

Hoxe iniciamos o curso cunha canción moi especial!!! Titúlase "Sonreír" e a súa compositora e intérprete é MAGDALENA FLEITAS, unha música arxentina que nos comunica a través desta canción a importancia de sorrir, porque:
SONREÍR NO CUESTA NADA,
Y SONREÍR LO PUEDE TODO
Y VERÁS QUE LINDO ES
VIVIR DE ESTE MODO.
Esperamos que esta mensaxe siga presente durante os vindeiros meses, tanto no cole coma no resto dos ámbitos nos que nos relacionamos. E para cando estedes máis tristeiros/as, aquí vos queda o enlace (no debuxo inferior) para atopar de novo o sorriso.