miércoles, 8 de febrero de 2017

OUTRAS OBRAS DE MOZART

Ademais de "A Frauta Máxica", Mozart deixounos un montón de composicións: arredor de 600!!! Entre sinfonías, concertos, sonatas, misas e óperas, queremos aquí destacar algunhas que seguramente xa coñeces:
-"Pequena Serenata Nocturna", composta en 1785 para as fests da nobreza de Viena. O seu carácter alegre e despreocupado invitan a bailar. 
Está dividida en 3 movementos, o primeiro dos cales é "Allegro", o que significa que a súa velocidade é considerable, é un movemento animado. Ten forma de sonata.

 

O segundo movemento é un "Romance", unha obra con moito sentimento:



O terceiro movemento ten forma de "Minuetto", forma musical derivada do minué, un baile cortesano que estivo de moda en Europa no século XVIII.


O cuarto e último movemento é un "Rondó", que presenta un tema principal alternado con outros cos que contrasta. Normalmente ten unha estrutura ABACA, o que quere dicir que A é o tema principal, que se vai alternando con B e C.


-Outra peza requetecoñecida é a que seguramente todos e todas vós tarareastes nalgunha ocasión con letras ben diferentes. Tamén Mozart debeu aprendela de pequeniño, e en canto comezou a compoñer música, ocorréuselle facer 12 variacións deste coñecido tema popular francés: "Ah, vous dirai-je, maman":


WOLFGANG AMADEUS MOZART

O próximo martes temos unha cita moi especial en A Coruña: asistiremos a unha ópera!!!! E estreámonos neste grande xénero musical cunha das óperas máis representativas da época clásica: "A frauta máxica" de Mozart!!!
Durante estes días estamos coñecendo a vida deste grande compositor do período clásico da historia da música. Aquí tedes un vídeo que resume un pouco a súa biografía:


Neste outro vídeo podedes ver e escoitar unha versión máis breve:


A frauta máxia é unha das óperas máis coñecidas da historia da música. Queres saber de que vai? Esta historia, para a cal Mozart compuxo a música no ano 1791, cóntanos como TAMINO, un príncipe, se namora de PAMINA, unha princesa, e sálvaa da forza do mal. Tamino visita á RAÍÑA DA NOITE, que vive nun grande templo. Esta cóntalle que a súa filla Pamina foi secuestrada polo malvado SARASTRO, e ofrécelle a súa man se consegue salvala. Para iso, entrégalle unha frauta máxica, e Tamino marcha para salvala acompañado de PAPAGENO, un paxareiro ao que a Raíña tamén lle dá outro instrumento máxico: unhas maracas.
Os dous chegan ao templo, onde lles explican que Sarastro non é tan malvado como din, e que ten razóns suficientes para separar a Pamina da súa nai.
Tamino e Pamina intentan escapar, pero atrápaos MONÓSTATOS, o criado encargado de coidar á princesa. Papageno toca as súas maracas e consegue escapar con Pamina, mentras Sarastro interponse no camiño de Tamino e ofrécelle a man de Pamina a cambio de pasar 3 probas: a do silencio, a do lume e a da auga.
Unha vez conseguido, Tamino e Pamina casan, e a Raíña da Noite é derrotada, trunfando así o ben sobre o mal e a luz sobre a escuridade. 

A ÓPERA comeza cunha ABERTURA, que podes escoitar premendo AQUÍ.
Pero tal vez sexa a ARIA da RAÍÑA DA NOITE un dos fragmentos máis escoitados da ópera de Mozart:

O simpático Papageno ten tamén a súa propia canción, con subtítulos en castelán:


E de seguro te divertirá este DUETO entre PAPAGENO E PAPAGENA:


A versión que nos ofrecen en A Coruña o próxima semana está a cargo da Compañía "Ferro teatro", e no seguinte vídeo podes ver un resumo do espectáculo ao que asitiremos:


lunes, 6 de febrero de 2017

SOBRE BRITTEN

No próximo concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, ademais da abertura da ópera de Wagner, escoitaremos tamén música de Benjamin BRITTEN. Este compositor, director de orquestra e pianista británico pertence ao período musical do século XX, que se caracteriza pola diversificación de estilos: na música popular, nacen novas tradicións coma o ragtime, o jazz ou o rock; na música clásica, algúns compositores crean novas maneiras de organizar os sons (entre elas, o dodecafonismo); a orquestra incorpora máis instrumentos na sección da percusión; as novas tecnoloxías permiten gravar as interpretacións de maneiras novedosas; etc.
Sen embargo, Britten foi un compositor bastante conservador, a pesar de vivir nunha época modernista.
De Britten escoitaremos a súa ópera Peter Grimes, escrita en 3 actos. O libreto, nesta ocasión, non está escrito polo propio compositor, senón polo escritor Montagu Slater, quen se baseou nun poema  en inglés ("The borough") de George Grabbe.

A ópera cóntanos a historia de Peter Grimes, un pescador inglés de principios do século XIX, con carácter rudo e pouco sociable. Polas diferenzas cos seus veciños, Peter é gravemente marxinado. Tras a morte accidental do seu aprendiz, a xente considérao culpable.
Esta actitude provoca que o mariñeiro se encerre máis en si mesmo e polo tanto encaixe cada vez menos na sociedade na que vive. Desorientado e sen esperanza, Peter Grimes recorre ao suicidio para escapar da opresión que non o deixa vivir.

Ao igual que coa ópera de Wagner, tampouco escoitaremos a de Britten na súa totalidade. A Orquestra elixiu os catro Interludios Mariños, que Britten compuxo para ser intercalados coas diferentes escenas da ópera, xa que o teatro no que se ía estrear non tiña os medios técnicos necesarios para os cambios de escenario. Estes Interludios permitían que houbese máis tempo para esas modificacións. 

Os interludios representan o mar de Aldeburgh, onde ten lugar a ópera, en diferentes momentos do día.
1- Amencer. É o preludio da ópera. Representa a calma, a serenidade. O tema principal nace dun tema dos violíns e a frauta que posteriormente desenvolve toda a orquestra.
2- Mañá de domingo na praia. Britten describe unha mañá de domingo na que a luz solar se reflicte no mar calmo. Ao lonxe escóitase o canto dos paxaros mesturados coas badaladas das campás.
3- Luar. Representa o mesmo lugar da escena anterior envolto no manto da noite de luar. Este recollemento convérteo no interludio máis conmovedor.
4- A tempestade. O compositor evoca a rabia sentida polo protagonista confrontado co vento e a chuvia que desencadea unha tempestade.

Escoitámolos?


SOBRE WAGNER

Dentro de pouco viaxaremos á cidade de A Coruña para asistir a un concerto no que poderemos escoitar música de Wagner e de Britten. E para que coñezades algunhas cousas sobre estes grandes compositores do Romanticismo musical, deixámosvos aquí algúns enlaces interesantes.
Richard WAGNER é un compositor e director de orquestra alemán que pertence ao período da música denominado Romanticismo. A peza que escoitaremos de WAGNER é unha ópera, unha obra musical con canto e orquestra na que se representa unha historia enriba dun escenario. O texto da ópera divídese en arias, recitativos e coro.
A ópera elixida pola Orquestra Sinfónica de Galicia para esta ocasión é O Holandés errante. Dunha duración aproximada de 2 horas 15 minutos, está dividida en tres actos, e o libreto é do propio compositor.
A ópera está baseada na lenda (preme sobre o termo se queres lela) do holandés errante, á que Wagner engade algúns personaxes. O resumo do argumento é o seguinte:

O noruegués Daland, capitán dun buque á deriva tras un temporal atopa o famoso buque fantasma, o Holandés errante. Esmagado pola riqueza deste barco ofrece pousada ao capitán ao tempo que amañan o matrimonio coa súa propia filla, Senta.
Ao mesmo tempo, Senta síntese fascinada dende a súa infancia pola figura do fantasma lendario, ao que recoñece nada máis entrar na súa casa. Créndose a salvadora da alma do seu amado capitán non dubida en aceptar o casamento. 
Erik, o seu noivo, lémbralle a promesa de matrimonio que os dous teñen axeitado. Ao saber isto o holandés, e despois de sentirse traizoado, marcha ás carreiras coa súa tripulación e faise á mar. Senta corre tras él e precipítase ao mar, nunha mostra do seu amor altruísta. Nese intre vense dúas figuras abrazadas (Senta mailo holandés) subindo cara ao ceo. 

Da ópera de Wagner escoitaremos a abertura, que é unha peza instrumental que sirve de introdución a unha grande obra coma unha ópera, unha peza teatral, unha suite, etc. Nela preséntase un resumo da acción que se desenvolverá nos diferentes actos.
A abertura do Holandés errante pódese dividir en cinco seccións que nos axudan a seguir o argumento:
1ª sección: A introdución, na que se presenta o leitmotiv do Holandés e a súa tripulación na tormenta. 
2ª sección: O andante que presenta o leitmotiv da redención vinculado a Senta.
3ª sección: Tórnase a tormenta do principio.
4ª sección:  Preséntase un novo leitmotiv asociado á tripulación de Daland.
5ª sección:  Escóitase a loita entre os dous leitmotivs dos protagonistas, o Holandés e Senta. 



QUE É UN LEITMOTIV?
Un leitmotiv é un tema ou motivo asociado a unha persoa, unha cosa, unha emoción ou unha idea concreta que se repite e se desenvolve ao longo da obra. Caracterízase  polo emprego dos mesmos instrumentos, rexistros, armonías ou acordes. Tamén pode asociarse  a un ritmo determinado.

Escoitámola?

jueves, 28 de abril de 2016

DÍA INTERNACIONAL DA DANZA

O Día Internacional da Danza celébrase o 29 de abril, desde que foi establecido no ano 1982, conmemorando así o nacemento (en 1727) de Jean-Georges Noverre, considerado o creador do ballet moderno.
Cada ano, o Comité Internacional da Danza (ITI) encarga a unha personalidade coñecida do mundo da danza a redacción dunha mensaxe que sexa lida en todo o mundo, co obxectivo de unir todas as danzas neste día.
A mensaxe deste ano 2016 foi encargada ao coreógrafo neozelandés-samoano LEMI PONIFASIO. Se queredes podedes lela premendo no seu nome. 
Non esquezades que esta é unha forma de arte que debe ser tan apreciada e valorada coma as demais. Porque no listado popular das 7 artes, figuran a arquitectura, a escultura, a pintura, a música, a danza, a poesía/literatura e o cine. 
Ademais, no noso país temos bailarinas tan importantes coma as seguintes:
-TAMARA ROJO destaca na danza clásica:


-SARA BARAS no flamenco:



Pero tamén os homes teñen unha importante representación no ballet clásico. En España destacan VÍCTOR ULLATE e NACHO DUATO, entre outros:


E no flamenco, JOAQUÍN CORTÉS, ANTONIO CANALES ou RAFAEL AMARGO:


E tampouco debemos olvidar a "A BELA OTERO", unha bailarina galega considerada tamén a primeira actriz de cine de fama internacional. O seu arte inspirou a moitísimos artistas, incluíndo a escritores, como podedes ver no seguinte vídeo:


E unha recomendación máis: BAILADE, BAILADE, BAILADE!!! E un filme ben fermoso que nos ensina que todo esforzo ten a súa recompensa: "Billy Elliot". Se premedes aquí podedes ver o tráiler da película.

miércoles, 13 de abril de 2016

BANDANZA


BANDANZA


Este venres imos de concerto!!! Aínda que se celebra no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a música levaranos aos espectaculares bailes de salón, a través da interpretación da Banda Municipal de Santiago. No programa inclúense pezas tan bailables coma o vals, o pasadobre, o rock and roll, o cha-cha-chá ou a samba! No escenario, ademais da banda, estarán os bailaríns Lucía Vázquez e Cristian García. E a nós, deixarannos bailar?


Unha desas obras será o "Vals nº 2" do compositor ruso SHOSTAKOVICH (1906-1975):


Outra, unha peza moi española: un pasodobre. Nada máis e nada menos que "España cañí". Seguro que o escoitastes e bailastes en moitas verbenas!!!


Cambiamos de estilo para movernos ao ritmo dun clásico rock and roll: "See you later alligator", dos anos 50.


Pero tamén soará unha samba moi enérxica, "El cumbanchero":


E incluso poderemos escoitar un cha cha cha tamén moi popular, "Rico vacilón":


ESTADES PREPARADOS????


martes, 8 de marzo de 2016

Clara Rockmore e o theremin

Hoxe celebramos o 105 aniversario de CLARA ROCKMORE (Vílnius, 1911-Nova York, 1998), unha virtuosa da música que destacou como intérprete dun instrumento musical electrónico moi peculiar: o THEREMIN. Clara Rockmore desenvolveu toda unha técnica para tocar este instrumento, incluíndo un sistema de colocación dos dedos. Ademais, foi unha nena prodixio, e entrou no conservatorio de música de San Petersburgo con tan só 5 anos. O "doodle" de hoxe está adicado a esta marabillosa muller, xusto un día despois da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora.
No seguinte vídeo podedes escoitar e ver cómo interpreta unha das pezas máis coñecidas de Saint-Saëns: "O cisne".



https://www.google.com/doodles/clara-rockmores-105th-birthday